CRTVG

Buscar

O PSOE reafirmase na vía de ERC e inicia a rolda autonómica con Urkullu, Torra e Feijóo

Publicado o 17/12/2019 08:16

Rolda de contactos de Pedro Sánchez cos presidentes autonómicos. Vía telefónica, Sánchez pediralles colaboración para que España teña goberno. Mentres tanto, a voceira do grupo socialista abre a rolda de contactos no Congreso con seis dos partidos minoritarios. Tras a negativa de C's e PP a facilitar a investidura, o PSOE reafímase na vía de Esquerra e segue adiante.

A primeira conversa será con Urkullu, e despois Sánchez fará a chamada a Quin Torra. O presidente en funcións non conversa co presidente catalán desde a reunión en Pedralbes de decembro do ano pasado. O presidente galego será o terceiro da rolda de contactos que manterá o candidato á investidura para pedirllle a todos os mandataros autonómicos colaboración e compromiso coa gobernabilidade, malia que ningún deles ten capacidade directa de decisión sobre a investidura.

Como era previsible, Casado negouse onte a que o PP facilitase a formación de goberno cunha abstención. E Sánchez tamén fracasou no intento de convencer a Arrimadas de que lle dese un voto afirmativo.

"Ninguén me pode convencer de que é máis factible un goberno con Podemos dependente de Más País, de Compromís, do BNG, de todos os partidos nacionalistas do Congreso, co PNV e mesmo con Esquerra, que sumar PP, PSOE e Cs", dixo Arrimadas.

Pero o presidente do PP rexeitou a proposta de Ciudadanos.

"Quen tivo responsabilidade de evitar unhas eleccións que agora tente proxectar a resposabilidade sobre o PP cando menos é curioso. Pero imos ao presente: é que Pedro Sánchez díxome, e supoño que tamén llo dixo á señora Arrimadas, que non ten previsto romper o acordo con Podemos. Polo tanto a vía Arrimadas só é unha boa resposta para contestarlles a vostedes pero eu que que xogo moi mal de farol", afirmou Pablo Casado.

Adriana Lastra, do PSOE, respondeulles aos dous: "Se o PP non quere que ERC sexa determinante o que ten que facer é absterse. Se o problema que ten a señora Arrimadas é o prograna, pediríalles que especificaran cal dos tres puntos do preacordo con Unidas Podemos é incompatible cos seus principios".

Lastra abre tamén hoxe no Congreso rolda de consultas e cita para a xornada aos voceiros de Esquerra, Bildu, Juns Per Cat, a CUP, Compromís e Más País. Ante a negativa de PP e C's, o PSOE reafírmase na vía de Esquerra.

"Hai que formar goberno, cos datos que deixaron as urnas, lexitimamente e de xeito razoable para que pronto poidamos ter respostas aos problemas. Os únicos que non ven isto son as dereitas, que decidiron que nunca lles importou nada o seu país e arrastrárono a dúas eleccións e xa ven por onde seguen, exactamente igual", dixo a vicepresidenta Carmen Calvo.


 

Noticias web

17/12/2019