CRTVG

Buscar

O PSdeG é a forza máis votada nas eleccións europeas en Galicia

Publicado o 27/05/2019 13:26
O PSdeG é a forza máis votada nas eleccións europeas en Galicia

O PSdeG foi a forza máis votada nas eleccións europeas deste domingo en Galicia co 96,5% dos votos escrutados. Os socialistas obtiveron, con este escrutinio, o 35,1 por cento dos votos, mentres que o PP foi a segunda forza co 29,87 por cento dos sufraxios. En terceiro lugar, co 11,8 por cento dos votos quedou o BNG, que concorría baixo a fórmula BNG-Agora Repúblicas.

Co resultado do conxunto de España, xa que é circunscrición única, os candidatos galegos que ían nas listas de PSOE -Nicolás González Casares- e PP -Francisco Millán Mon- conseguiron unha acta. A representante de En Marea Lidia Senra non revalidou a súa acta, mentres que, a pesar de ocupar a quinta praza, a nacionalista Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, expresou a súa alegría ao contar que a aritmética a beneficia dado que, con máis de 165.000 votos, consegue o dobre que en 2014, o que "implica que Galicia terá escano propio". A eurodeputada, pola rotación, ostentarao durante máis tempo que na pasada lexislatura, debullou, ao alternarse na Coalición de Agora Repúblicas coas formacións de ERC e Bildu. Tamén dixo Miranda, na nave onde o Bloque seguiu o escrutinio, que a formación volve con "voz a Europa" e seguirá defendendo a "as vítimas do Alvia, a ecoloxía, o feminismo e os dereitos humanos". Así mesmo, insistiu en que o resultado é mellor que o que esperaban, porque o dobraron e aumentarán o tempo de presenza, algo que "é moi emocionante", concluíu.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí