CRTVG

Buscar

O PSdeG aproveita o pulo das eleccións xerais do 28-A e a caída das mareas

Publicado o 27/05/2019 16:10

• O PP foi a forza máis votada en Galicia. Gaña nas cidades do norte, o PSOE nas do sur, coa excepción do feudo nacionalista en Pontevedra.

As eleccións municipais cambian o mapa en moitos concellos galegos. Fronte ás maiorías esperadas de concellos coma Arteixo, Oleiros ou Carballo, outros municipios cambian de cor ou necesitan de pactos para revalidar o goberno dos últimos anos. 

Dos 313 concellos galegos, o PP foi a forza máis votada. En 179 gobernarán alcaldes populares. O PSOE gañou en 91 municipios, o BNG en 24 e en 19 gobernarán outras formacións. Pero a xornada electoral de onte deixa grandes sorpresas.

Por exemplo, en Vilalba, bastión tradicional do PP, deixará de ter alcalde popular por primeira vez en democracia. A socialista Elba Veleiro conseguiu 8 escanos fronte aos 7 que conseguiu o ata agora alcalde, Agustín Baamonde.

No concello do Carballiño había moita expectativa co partido fundado polo ex-secretario xeral socialista Pachi Vázquez, pero quedou lonxe de alcanzar a alcaldía. Espazo Común quedou de terceira forza, por detrás do PSOE e do PP. Só logrou 1.500 votos e 3 escanos. Seguirá gobernando en solitario o socialista Francisco Fumega, que mesmo mellora resultado, pasa de 8 a 9 representantes, logra maioría, a pesar da escisión.

En Becerreá, Galicia Sempre, a marca impulsada polo ex-socialista Manuel Martínez, logrou 7 escanos e maioría absoluta e entrou noutros dous concellos da provincia de Lugo. Os socialistas perden sete concelleiros e quedan cun.

Pode haber cambio de goberno no concello de Ribeira, no que leva gañando 24 anos e con maioría o alcalde popular, Manuel Ruiz Rivas. Onte foi a forza máis votada, logrou 9 escanos, pero necesitará pactar para seguir co bastón de mando. O Partido Barbanza Independiente, unha escisión do PP, irrompe con 7 concelleiros e será clave para formar goberno. PSOE e BNG quedan con dous edís e Ciudadanos desaparece.

Hai remuda no concello de Lalín. O popular Xosé Crespo recupera o poder, que xa ostentou entre 1990 e 2015. O PP logra 11 escanos de 21 e desbanca a Rafa Cuíña, que gobernou estes catro anos en coalición. Compromiso por Galicia sacou 5 escanos e queda como segunda forza.

Este 26 de maio deixou máis titulares. Por exemplo, no concello pontevedrés de Agolada gobernará con maioría absoluta o Partido Anticorrupción y Justicia. Revalidan a maioría os alcaldes de Arteixo, Oleiros e Carballo, en Tui o PSdeG gobernará con maioría, nas Pontes o socialista Valentín González Formoso ampliou a maioría que xa tiña e alcanza os 12 escanos. En Sanxenxo volverá gobernar o popular Telmo Martín con maioría absoluta e dez edís.

Certa continuidade nas municipais respecto da xerais do pasado mes de abril

O resultado das eleccións xerais do pasado mes de abril tivo certa continuidade nas municipais celebradas este domingo, cun PSdeG á alza en Galicia, un PP que segue perdendo votos, aínda que foi a formación máis votada en xeral e foi primeira forza en tres cidades, un BNG que repunta e un damnificado principal: as denominadas mareas, que perden as tres alcaldías estrela de 2015.

A formación que encabeza Alberto Núñez Feijóo (PPdeG) logrou ser a primeira forza en votos nas eleccións municipais, co 33,4 % dos votos (2,3 puntos menos que en 2015), seguida moi de preto polo PSdeG, co 32,7 por cento co 99,4 % dos votos escrutados. As candidaturas que presentaba o PPdeG nas cidades lograron ser primeira forza en Ferrol, a poucos votos da maioría absoluta, e tamén na Coruña, con escasa vantaxe sobre o PSdeG.

Tamén foron primeira forza en Lugo; aínda que o máis probable é que non gobernen en ningunha desas cidades por falta de aliados e ante posibles acordos entre forzas de esquerdas. A formación que lidera Gonzalo Caballero (PSdeG) conseguiu prolongar o efecto das eleccións xerais, cando gañou por primeira vez unhas eleccións en Galicia, un feito que repetiu esta noite nas eleccións europeas. Nas eleccións municipais, os socialistas foron segunda forza moi preto do PP, a medio punto. Os socialistas volveron ser primeira forza en Vigo, onde Abel Caballero revalida e ampla a súa esmagadora maioría absoluta, así como en Santiago e en Ourense.

Na capital galega, a forza do actual alcalde, Martiño Noriega, Compostela Aberta, esborrállase ata o terceiro lugar aínda que hai unha maioría de esquerdas que presumiblemente encabezará o candidato socialista Xosé Sánchez Bugallo. A situación en Ourense é ben distinta para os socialistas, xa que a pesar de conseguir ser primeira forza, a corporación estará moi fragmentada con forzas antagonistas que logran un resultado similar. En Pontevedra, o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores será alcalde por sexto mandato consecutivo tras ser primeira forza a pesar de perder un concelleiro. Está por dilucidar, xa que depende de escasos votos, o resultado das Deputacións Provinciais, sobre todo as de Lugo e Ourense, na que o PP podería perder a maioría absoluta.

Entre outros resultados, ademais, o PP perdeu por primeira vez as eleccións en Vilalba (Lugo), o berce do presidente fundador do partido, o falecido Manuel Fraga, aínda que recupera outro feudo, Lalín (Pontevedra). O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta noite que está "razoablemente satisfeito" co resultado das eleccións municipais en Galicia, onde foi primeira forza por apenas medio punto sobre o PSdeG, aínda que recoñeceu que "non son os que buscaba".

Nunha comparecencia breve ante os medios, Núñez Feijóo incidiu en que o seu partido gañou "en tres" das sete principais cidades galegas, nunha delas a escasos votos da maioría absoluta (Ferrol) e logrou gañar en "o 56 % dos concellos galegos". "Non será fácil poder gobernar nalgunhas cidades nas que fomos claramente a primeira forza", recoñeceu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, deu por iniciado este domingo, a teor dos resultados das eleccións europeas e municipais celebradas nesta xornada, "un camiño sen retorno cara a unha nova Galicia".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou o resultado das eleccións xa que o seu partido "volve estar en todas as cidades galegas", polo que dixo que cumpriron o seu "obxectivo", cun incremento do "35 %" nas cidades.

Vox quedou moi lonxe de conseguir algún concelleiro, mentres que Ciudadanos logrou 34 en toda Galicia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí