CRTVG

Buscar

O primeiro pleno do Congreso aproba as subas das pensións e dos salarios públicos

Publicado o 04/02/2020 20:33

Cómoda estrea do Goberno de coalición no Congreso. O decreto que sobe as pensións un 0,9% saiu adiante co apoio de 13 dos 16 partidos da cámara.

José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, dixo: "Non hai nada máis poderoso que o consenso para reducir a incerteza. Hoxe é o primeiro momento para demostralo".

Só se abstiveron o BNG e as CUP, que consideran o decreto insuficiente, e mais VOX.

Víctor González, de VOX, preguntábase: "Pódense subir as pensións? Si, pero a suba debe ir unida a unha redución do gasto político, a un plan de natalidade e a uns orzamentos xerais do Estado".

O mesmo guion seguiu na seguinte votación: VOX, BNG e CUP abstivéronse no decreto que sobe un 2% o salario dos funcionarios. Para os nacionalistas, é pouco; a estrema dereita critica a inclusión de altos cargos das empresas públicas. O PP apoiouno porque procede dun acordo do goberno Rajoy cos sindicatos, pero aproveitou para censurar o custo do novo goberno.

Llanos de Luna, do PP, preguntaba: "É certo que este goberno nos custa 24 millóns de euros máis que o último goberno do Partido Popular?".

Na súa estrea na cámara, a ministra de Administración Territorial e Función Pública rompía unha lanza polo sector público.

Carolina Darias dicía: "Creo que é de xustiza recoñecer o seu papel para facer efectivos os nosos dereitos de cidadanía, especialmente ante a situación vivida anos atrás, cando as consecuencias dos recortes aínda son ben visibles nalgúns sectores da nosa sociedade".

O Congreso tamén aprobou a constitución das 21 comisións parlamentarias. PSOE, PP e Unidas Podemos uniron forzas para deixar a VOX sen ningunha presidencia.

Noticias web

04/02/2020