CRTVG

Buscar

Sánchez pide disciplina para evitar "a toda custa" un novo confinamento domiciliario

Publicado o 23/10/2020 20:14

• O presidente do Goberno advirte de que os vindeiros meses serán "moi duros" | Cifra en tres millóns o número real de contaxios

Euskadi, Asturias e Estremadura solicitan a declaración do estado de alarma nos seus territorios. O ministro Illa busca apoios para poder decretar o toque de queda dentro do estado de alarma

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou este venres que o número de contaxiados pola covid-19 que realmente houbo en España desde o inicio da pandemia é de tres millóns de persoas, aínda que o rexistro oficial o sitúa ao redor dun millón.

Sánchez informou do número real de persoas infectadas desde o comezo da crise sanitaria nunha declaración institucional desde o Palacio da Moncloa para dar conta da evolución da pandemia, que cualificou de "grave". 

O cómputo oficial de contaxiados superou o pasado mércores o millón de casos, pero, segundo Sánchez, os estudos de seroprevalencia desenvolvidos polas institucións públicas con expertos científicos indican que "o número real de persoas que estiveron infectadas supera os tres millóns".

O presidente do Goberno non actualizou a información sobre o número de falecidos, que, segundo os datos a data de onte, xoves, alcanzaron os 34.521 falecementos desde o inicio da pandemia.

Sánchez fixouse como obxectivo que España se sitúe"por baixo" da incidencia de 25 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días para dobregar a curva. Nestes momentos, o xefe do Executivo lembrou que a cifra se sitúa en 348, segundo os datos publicados onte polo Ministerio de Sanidade.

"Temos moito camiño por percorrer, pero estou convencido de que o imos a poder lograr se temos a máxima disciplina social e contamos coa máxima resistencia e con moral de vitoria. Fixémolo na primeira onda e podémolo volver lograr. Para conseguilo, requírese a mobilización de todas as administracións e os cidadáns. Podemos volver conter o virus se todos cooperamos". 

O presidente apelou á "máxima colaboración, conciencia e disciplina cidadá" para dobregar de novo a curva do covid-19, tal e como se conseguiu coa primeira onda, pero recoñeceu que "os próximos meses serán duros, moi duros".

"Contamos coa experiencia de dobregar a curva unha vez, pero temos que evitar custe o que custe o confinamento domiciliario como na primavera. Para iso, debemos ser disciplinados e concienciados ao máximo", insistiu. 

A pesar de que puntualizou que "a situación non é comparable á do 14 de marzo", cando se decretou o estado de alarma por primeira vez, Sánchez advertiu das "consecuencias" sobre a "vida social" e o "impacto económico" que tería un novo confinamento en casa.

"Debemos todos, as administracións, partidos e cada un dos cidadáns, lembrar como frear ao virus e actuar en consecuencia", esgrimiu.

Neste senso, argumentou que "o virus non viaxa só, senón entre persoas", polo que para conter os contagios pediu "reducir a mobilidade e os contactos entre persoas".

"Non hai outra solución, non hai outra alternativa. Reducindo contaxios estamos a salvar as vidas de moitas persoas e, dese modo, empregos e empresas, consolidando a recuperación da nosa economía", agregou.

 

Noticias web

23/10/2020