CRTVG

Buscar

A dirección de Alcoa prevé perdas en San Cibrao de 80 millóns de euros este ano

Publicado o 13/01/2020 15:22

O presidente de Alcoa en España achegouse este luns ata a factoría de San Cibrao, e a súa mensaxe non tranquilizou os traballadores. Asegura que non teñen nada decidido sobre o futuro da planta, pero avisounos de que as previsións coas que traballan para este ano son moi malas, e que prevén perder 80 millóns de euros se o prezo da enerxía non baixa.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, "non sabemos se a compañía ten vontade de seguir ou non, pero o que temos moi claro é que se non temos un prezo competitivo da enerxía nin esta empresa nin outra van querer fabricar en San Cibrao. O aluminio é un sector en alza e estanse abrindo plantas en Europa, pero se temos o megawatt 30 euros máis caro que en Francia ao final vai ser inviable producir aquí"

O comité de empresa ponse non peor, e fía o futuro da factoría ao prometido estatuto das electrointensivas, que abarate o prezo da electricidade para as empresas que máis enerxía consomen. Consideran que é unha medida urxente, e esíxenlle ao Goberno que o aprobe xa este martes, no primeiro Consello de Ministros.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, "se queren pódeno aprobar. Ata agora dicían que non o podían aprobar porque estaban en funcións, pero agora xa non están e mañá teñen o primeiro consello, así que se queren pódeno aprobar mañá mesmo"

Alcoa xa baixou un 11 por cento a súa produción en San Cibrao, e desde hai catro meses 32 cubas están pechadas. Para os traballadores é o principio da fin, e advirten que está en xogo o futuro de 5.000 familias.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2020