CRTVG

Buscar

O presidente das Filipinas ordena matar os que violen a corentena por COVID-19

Publicado o 02/04/2020 07:21
O presidente das Filipinas ordena matar os que violen a corentena por COVID-19

O presidente das Filipinas, Rodrigo Duterte, ordenou ás forzas da lei "disparar a matar" a aquelas persoas que violen os requisitos da estrita corentena pola pandemia de COVID-19.

"Non dubido. As miñas ordes son para a policía e o exército, se hai problemas ou xorde unha situación en que a xente pelexa e as súas vidas están en perigo, disparen a matar", aseverou onte á noite o mandatario nun discurso televisado.

"Morto. A cambio de causar problemas, enviareite á tumba", ameazou Duterte o mesmo día en que unha vintena de persoas da barriada de San Roque, en Manila, protestaron sen permiso ante a policía para esixir axuda oficial para saír adiante.

O peche de gran parte do país, incluída Manila, e as estritas normas de corentena e confinamento impediron que millóns de persoas que subsisten día a día nos barrios máis pobres da capital atopen como gañar a vida.

Duterte acusou a grupos civís de esquerda de  instigar a protesta: "Esquerdistas, vostedes non son o goberno. Non anden por aí causando problemas e disturbios porque ordenarei a súa detención ata que finalice o brote".

O presidente obtivo a semana pasada "poderes especiais" do Congreso para lidar coa pandemia nunha lei que inclúe a provisión de 200.000 millóns de pesos (3.590 millóns de euros) para repartir entre 18 millóns de fogares desfavorecidos do país, onde o 16 % da poboación vive baixo o limiar da pobreza.

Con todo, a axuda está bloqueada porque o goberno aínda elabora "unha base de datos consolidada" dos beneficiarios. "Só espere a entrega mesmo se se atrasa, chegará e non pasará fame. Non morrerá coa fame", sinalou Duterte.

Defensores de dereitos humanos e grupos civís denunciaron este xoves as palabras do presidente, que se esparexeron decontado polas redes sociais, onde o cancelo #OustDuterte (expulsar a Duterte) é tendencia desde onte á noite.

"Estamos seriamente alarmados polas palabras do presidente, que se traducirán en formas peores e máis brutais de violacións dos dereitos humanos, represión e violencia estatal nos próximos días", lamentou a organización de dereitos humanos Karapatan.

O grupo estudantil CEGP indicou que "non se pode esperar que a xente permaneza en silencio se os seus estómagos se revolven" e advertiu ao goberno que "non debe aferrarse a plans fascistas e  militaristas contra unha nación azoutada pola fame e a ira contra un réxime incompetente".