CRTVG

Buscar

O presidente da Xunta pídelles por carta aos novos ministros que cumpran coa axenda galega

Publicado o 18/01/2020 11:18

• Feijóo esixe o pago da débeda, un calendario das obras do AVE e unha transición enerxética xusta

O titular da Xunta remitiu esta semana unha carta coas demandas de Galicia a cada un dos titulares das carteiras do novo Goberno central. Alberto Núñez Feijóo ofrécelles diálogo e cooperación, pero pídelles que cumpran coa axenda galega. 

Antes das eleccións xerais o Consello da Xunta aprobou esa axenda galega cos 25 asuntos que vía prioritarios para que atendese o Goberno que saíse das urnas nos primeiros meses de lexislatura. E na semana na que tomaron posesión os novos ministros Feijóo lémbralles por carta os temas sobre os que cómpre poñerse a traballar. O máis urxente para o Goberno galego é recibir os cartos que lle debe por financiamento autonómico, aclarar o calendario da chegada do AVE, a transferencia da AP-9 e rebaixas nas peaxes e aprobar o estatuto para as empresas electrointensivas.

"Isto sería o máis urxente, o que necesitamos solucionar xa. Por iso nos diriximos ao Goberno de España, por iso mandamos esas cartas aos ministros e ao propio presidente do Goberno e por iso ofrecemos a total colaboración institucional da Xunta. Queremos colaborar co Goberno de España porque son moitos os problemas que están enriba da mesa e despois de 18 meses sen Goberno creo que é necesario que se poña canto antes a traballar coa Xunta de Galicia", explica o vicepresidente galego, Alfonso Rueda.

Outros dos deberes que marca a Xunta son apoios para o Xacobeo e os Camiños a Santiago ou a convocatoria de prazas para cubrir a falta de médicos.
 

Dédeda

En cada unha das misivas, o máximo responsable galego incidiu en tres ideas. E é que, para el, o Goberno de Pedro Sánchez "deberá dar resposta desde o compromiso coa recuperación económica", terá que asegurar "o sostemento dos servizos públicos" e "mellorar da calidade de vida de todos as españolas" en xeral. Ademais, espera que igual que "Galicia cumpre cos obxectivos de gasto público pactados no Consello de Política Fiscal e Financeira", confía en que "esta lealdade e respecto sexan tamén os principios de actuación" do novo Executivo en relación coas comunidades autónomas.

Entre os aspectos máis destacados de cada carta, Feijóo puxo especial énfase na situación "sen resolver" sobre a "mensualidade pendente do IVE" e o fondo correspondente por cumprir coas normas de estabilidade orzamentaria, transferencias que aínda non chegaron á Administración autonómica, un total de 370 millóns de euros.

AVE e AP-9

Ao ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, trasladoulle a súa preocupación pola chegada do AVE a Galicia, xa que "non se dispón aínda dun calendario certo para a finalización das obras". Igualmente, pediu poder concretar a aprobación da transferencia da AP-9, a supresión da peaxe entre Vigo e Redondela, así como a rebaixa da taxa da autoestrada AP-53; cuestións que tamén contempla o acordo entre PSOE e BNG.

Industria

Doutra banda, Núñez Feijóo quixo manifestar a súa "inquedanza" respecto ao mantemento dos 5.000 empregos ligados á actividade industrial. Por este motivo, as misivas dirixidas ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao de Industria recollen a petición de que a "transición enerxética non supoña consecuencias irreparables" para o desenvolvemento de determinadas comarcas e a reclamación dun estatuto para empresas electrointensivas.

En canto á industria naval, lembrou á Ministra de Defensa, Margarita Robles, a importancia de que Navantia Ferrol consiga carga de traballo ata que se inicien as fragatas F-110 para a Armada Española, un asunto que debería "estar entre as prioridades do Goberno".

Servizos sociais

O presidente do Goberno galego salientoulle ao Ministerio de Sanidade a "urxencia" de tomar medidas "que permitan atender as necesidades máis inmediatas de persoal en especialidades" como "pediatría ou medicina de familia". Ao mesmo resaltou a importancia de "elaborar plans a longo prazo" para abordar o envellecemento, o reto demográfico ou a cronicidade das enfermidades.

No ámbito social, Feijóo apelou ao vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, para que a Administración central "participe de maneira equilibrada no sostemento" do sistema de atención á dependencia. Dirixiuse tamén á ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, para expresarlle "a súa confianza" en que poida desenvolver o seu labor "guiado polo espírito de colaboración con todas as administracións e o necesario consenso cos axentes sociais".

Tamén enviou as correspondentes cartas ao resto de Ministerios, nas que precisou asnecesidades de Galicia nos diferentes ámbitos nos que cada titular ten competencias e mostrouse con todos aberto ao "diálogo". Non esqueceu tampouco dirixirse á ministra de Política Territorial, Carolina Darias, para ratificar "o compromiso da Xunta" a "seguir traballando lealmente pola igualdade de todos os españois no marco de respecto ao estado autonómico" sen que "existan privilexios en función do territorio".