CRTVG

Buscar

O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade informan ás 14:00 das novas restricións

Publicado o 25/01/2021 08:23

• Non se descarta o peche das actividades non esenciais en toda Galicia, que leva doce xornadas por riba dos mil casos novos

Levamos doce xornadas por riba dos mil casos novos en Galicia. Son mais de 10.500 contaxios detectados na última semana. A incidencia da covid-19 na nosa comunidade autónoma está disparada; o último dato é de 670 casos por cen mil habitantes a catorce días de media, con moitas zonas onde se rebasa amplamente a cifra. Os responsables sanitarios non ven que a situación nin sequera estea preto de estabilizarse.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Estamos nunha situación que non para de subir, mantense a tendencia, non vemos freo nin meseta e estamos preocupados".

En Sanidade están moi atentos ao incremento da presión hospitalaria. Galicia superou o milleiro de ingresados, con 150 doentes agora na UCI. Todas as áreas preocupan, pero na da Coruña a situación está moi tensa, con cinco mil casos activos e a maior ocupación de camas. Di Julio García Comesaña que polo de agora non está previsto o despregamento de hospitais de campaña, pero que hai que estar preparados para todas as continxencias. Recoñece que estamos preto dunha liña vermella que parece que se vai superar.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "En marzo, o máximo a que chegamos non era a máxima capacidade, pero era unha referencia á que nos preocupaba chegar. Tomamos medidas pensando nela e anticipandonos, é unha liña vermella que non queriamos pasar nunca. Todo indica que se vai superar a presión hospitalaria da primeira vaga".

Segundo os datos do Sergas, hai case 19.000 persoas coa infección activa en Galicia, e 14 morreron nas últimas horas coa doenza. Catro dos falecidos tiñan menos de setenta anos.

Noticias web

25/01/2021