CRTVG

Buscar

O PPdeG cre que a conformación do novo Goberno é preocupante para Galicia

Publicado o 23/12/2019 13:34

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Pedro Puy, asegurou este luns que a futura conformación do Goberno central é un proceso que "non resulta tranquilizador" para Galicia, xa que xerará "múltiples problemas" para a comunidade.

Puy alertou en conferencia de prensa das consecuencias que un Goberno de "PSOE, Podemos e independentistas cataláns e que pode ter o apoio dos independentistas ou soberanistas galegos" pode ter para Galicia.

A este respecto, referiuse aos problemas de tesourería que o Goberno estatal xerou en Galicia ao non transferir á comunidade os 200 millóns correspondentes á mensualidade de decembro do IVE de 2017.

De igual forma, "segue sen haber solución para as (industrias) electrointensivas" e persiste o problema das centrais térmicas derivado "deste afán que nós cremos excesivamente repentino por pechar as centrais de carbón" mentres "non se está tampouco a compensar con novas poxas", asegurou.

"Tampouco se buscou unha solución para o naval mentres non se inicia a construción das fragatas F-110 nin se impulsou o corredor atlántico de mercadorías", continuou Puy.

Todo iso, demostra que a conformación dun Goberno entre PSOE e Podemos será prexudicial para Galicia, polo que critica o "cinismo e a hipocrisía" que manteñen os socialistas ao pedir a abstención do PP cando Pedro Sánchez xa demostrou que "non quere gobernar co PP".

"O que está a tentar o señor Sánchez é un absurdo; chegar a un acordo con Podemos e despois pedir que se absteña o PP mentres encima da mesa está unha coalición que require dos independentistas", lamentou o parlamentario popular.

Por tanto, en opinión de Puy, "pouca responsabilidade pode asumir o PP" na decisión de Pedro Sánchez aínda que a partir de agora si debe tomar un papel de denuncia ante a posibilidade de que "eses pactos excedan o que é normal nun proceso de investidura e condicionen cuestións que son de Estado" como o problema territorial ou se cuestionen decisións xudiciais.

"Este labor de denuncia tamén é importante", resumiu sobre o papel que debe adoptar o PP tras a configuración do próximo Executivo.