CRTVG

Buscar

O PP pensa en denunciar a presidenta do Congreso se non suspende os deputados independentistas presos

Publicado o 23/05/2019 13:23

O PP vai actuar contra a presidenta do Congreso, Meritxell  Batet, e denunciala "ante os tribunais por posible prevaricación e desobediencia" se non suspende "de maneira inmediata" os deputados independentistas presos, ademais de que vai pedir a súa reprobación na cámara baixa.

Así o anunciou o secretario xeral do PP,  Teodoro García Egea, nun acto en Madrid xunto ao candidato á alcaldía da capital, José Luis Martínez-Almeida, no que cualificou de "ignominioso" que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, lle dixese a Oriol Junqueras "non te preocupes".

Esta resposta, que asegura que Sánchez lle deu ao ex-vicepresidente da Generalitat durante a sesión constitutiva do Congreso o martes pasado, é interpretada polo PP como "un desacato á xustiza", segundo García Egea, quen acusou a Batet de tentar "gañar tempo" por non suspender xa os presos "golpistas".

O número dous do PP lembrou que  Batet recibiu un escrito "indicándolle o camiño para seguir" para suspender de inmediato os deputados presos que están a ser xulgados "por dar un golpe ao Estado" e se non o fai pedirá a súa reprobación e exponse a actuar contra ela "por prevaricación e desobediencia".

"Aquí non hai que gañar tempo, senón que debe gañar a democracia e a lei, o que significa suspender de forma inmediata os presos golpistas que deron un espectáculo bochornoso que España non merece", reclamou.

E advertiu que quen non queira xurar a Constitución que non se presente para un cargo público porque ás institucións vai servir os cidadáns e "non dar un golpe ao Estado".

García Egea asegurou que o seu partido quere "poñer couto" á deriva independentista e populista e que "a única maneira de que Junqueras se preocupe é votar polo PP".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019