CRTVG

Buscar

O PP insta aos baróns socialistas a frear o acordo con ERC

Publicado o 29/12/2019 14:55

O acordo inicial de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, para un goberno PSOE-Unidas Podemos, ten encarreirada a redacción do programa. Será, din, de corte social e feminista. Mais para atopar vía libre no Congresos dos Deputados depende das negociacións dos socialistas con Esquerra. Desde o nacionalismo moderado, o líder de Units per Avançar, gaba o exercicio de posibilismo que fan os de Junqueras, e chama os baróns socialistas a venceren, polo ben común, as súas reticiencias

Ramón Espadaler, secretario xeral de Units per Avançar "Faría un chamamento aos baróns do Partido Socialista que miran con moito recelo un posible acordo con Esquerra Republicana. Nin Esquerra vai vender Cataluña, nin o PSOE vai vender España. O que hai que facer é un paso adiante neste sentido".

Combinando as conversas públicas coas secretas, a negociación PSOE-Esquerra leva tamén moito camiño andado, aínda que os republicanos, para o seu visto e prace, esperan o ditame sobre o seu líder da Avogacía do Estado. Farase público o xoves, pero o analista Ernesto Ekaizer xa anunciou hoxe que será favorable a Junqueras. Quedará por sortear, a cargo da Xunta Electoral Central, a posible inhabilitación de Torra. Desde o PP din que Sánchez apostou pola opacidade nas conversas porque xa ten un acordo cos que, segundo os populares, queren romper España. O PP insta os baróns do PSOE a impedilo.

Pablo Montesinos, vicesecretario de comunicación do PP "Emprazamos os baróns socialistas a que rompan o silencio cómplice. A que lle digan ao señor Sánchez que xa basta. Que ten que reconducir a situación e ten que romer a negociación con aqueles que teñen como obxectivo final aniquilar a igualdade de todos españois e a soberanía nacional".

No PP anuncian unha oposición contundete e enérxica a un goberno de Sánchez con Unidas Podemos e sustentado por Esquerra.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/12/2019