CRTVG

Buscar

O PP, Cs e Vox pídenlle ao goberno máis contundencia en Cataluña

Publicado o 19/10/2019 21:18

O presidente do PP, Pablo Casado, pídelle ao goberno que aplique xa a Lei de seguridade nacional en Cataluña. Desde Ciudadanos queren que se suspenda a autonomía, a través do artigo 155 da Constitución, e Vox reclama que se declare o estado de emerxencia... O secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos insiste en que non se dá ningún suposto, dixo, "dos que expoñen os ansiosos".

Ante a crise en Cataluña, o líder do Partido Popular lanzoulle ao goberno un aviso urxente: debe restablecer xa a lei e a orde. Entende Casado que iso implica facer que o PSC rompa os corenta acordos que ten con Esquerra e con Junts per Cat, e aplicar a Lei de seguridade nacional. Di Casado:

"Se pedimos de inmediato que se aplique a Lei de seguridade nacional é porque Cataluña non pode esperar máis tempo para que o goberno mande sobre os Mossos, a Policía Nacional, a Garda Civil e as gardas urbanas, e que haxa unha dotación de efectivos de todos os medios que fagan falta".

En Ciudadanos cren necesario non esperar máis para suspender a autonomía catalá a través do artigo 155 da Constitución. Di Rivera: "Hai que aplicar a Constitución, o 155, cesar a Torra, que é o que está á fronte dos comandos separatistas, poñer un goberno decente, garantir a seguridade, retomar o control e volver á convivencia".

O artigo da Constitución que prefire Vox, para recuperar a orde pública e a convivencia, é o 116. Di Ortega Smith. o seu secretario xeral: "Desde Vox esiximos a aplicación inmediata do artigo 116: a declaración do estado de emerxencia e o envío de cantos reforzos sexan necesarios".

O PSOE ve en Cataluña un problema de orde pública, agravado pola inacción da Generalitat, pero responde que de momento non son necesarias medidas máis drásticas. Di Ábalos, o secretario de organización: "Hoxe non se dá ningún suposto dos que expoñen os ansiosos... De momento, o que lles pedimos ao resto de forzas que se denominan constitucionalistas é que estean a carón do goberno e que practiquen a lealdade e a unidade de acción. Así seremos máis fortes para combater ese desafío".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019