CRTVG

Buscar

O positivo dun asesor do alcalde de Ourense activa o protocolo fronte á covid no Consistorio

Publicado o 21/08/2020 20:23
O positivo dun asesor do alcalde de Ourense activa o protocolo fronte á covid no Consistorio

Un asesor do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, foi diagnosticado como positivo en COVID-19, o que motivou que se active o protocolo no Consistorio, que espera agora as directrices de Sanidade para decidir os pasos que se dan e se os contactos do traballador, entre os que se atoparía o propio rexedor, se teñen que illar.

Segundo informa o Consistorio nun comunicado, o Concello puxo este mediodía en coñecemento das autoridades sanitarias que o traballador, que desenvolve funcións de persoal de apoio á Alcaldía, resultara nesta mesma xornada positivo por COVID-19. Segundo relata, o asesor traballou no Consistorio ata o pasado martes, 18 de agosto.

Ese día atopouse mal e ausentouse do seu posto de traballo, ademais de acudir ao Centro Médico El Carmen para realizar o test da COVID-19, que deu negativa. Pese ao resultado, o goberno local subliña que, por precaución, o traballador non se reincorporou ao seu posto de traballo. O xoves realizou un segundo test cuxo resultado se coñeceu este mesmo venres e foi positivo. Cando tivo coñecemento do mesmo, comunicoullo ao Concello.

Este mediodía, o propio alcalde e o servizo de Recursos Humanos do Concello puxeron os feitos en coñecemento da Xunta para adoptar as medidas que as autoridades sanitarias determinen, sendo conscientes de que a seguridade e a saúde "deben ser sempre a prioridade".S

A oposición pide a suspensión do próximo pleno

Pola súa banda, o PSOE local emitiu un comunicado no que reclama ao rexedor o adiamento do pleno municipal que estaba previsto que se celebrase o vindeiro luns 24 de agosto. Solicitude á que se suman os grupos de BNG e Ciudadanos. Os socialistas apelan á "responsabilidade e á seguridade" e, ademais de denunciar "a irresponsabilidade" do alcalde e do grupo de goberno por "non actuar antes e non cumprir os protocolos de corentena xa que coñecían os feitos desde o martes", piden que se fagan probas PCR aos traballadores do Consistorio.

Ademais de sumarse á petición de aprazar o pleno do luns, o BNG municipal enviou un comunicado no que censura o "escurantismo" co que, baixo o seu punto de vista, o goberno local xestionou esta situación. Así mesmo, ao entender que a cidade non merece un goberno "irresponsable" que "xoga coa saúde dos veciños e coa ocultación de información altamente sensible", insta ao "actual goberno local, co seu alcalde á cabeza, a que dimitan dos seus cargos".

Tamén Ciudadanos enviou unha nota aos medios na que avoga por aprazar o pleno. "Descoñecemos a situación xa que nos decatamos a través dos medios de comunicación que un asesor de Alcaldía deu positivo na proba de covid-19", indica a formación, que pide realizar o rastrexo que corresponde para "pór en corentena a todas as persoas que estiveron en contacto con este traballador", ao que desexa unha pronta recuperación.