CRTVG

Buscar

O portavoz da CE en España ratifica que o AVE chegará a Galicia en 2022

Publicado o 23/01/2020 12:34
O portavoz da CE en España ratifica que o AVE chegará a Galicia en 2022

O portavoz da Representación da Comisión Europea (CE) en España, o grego Ioannis Virvilis, confirmou este xoves na Coruña que, segundo os datos que manexan, a alta velocidade chegará a Galicia en xaneiro de 2022.

"Segundo a información que temos, será en xaneiro de 2022. Con todo, estes grandes proxectos entendo que se poden atrasar ou se poden construír máis rápido", afirmou esta mañá durante un encontro con xornalistas para abordar as diferentes prioridades da nova CE que acaba de empezar o seu mandato.

A este respecto, informou de que a Comisión aprobou un investimento de preto de 226 millóns de euros dos Fondos FEDER para a construción dunha vía de alta velocidade entre Lubián (Zamora) e Taboadela (Ourense).

Trátase dun financiamento que forma parte dos 2.800 millóns de euros que a Unión Europea está a investir en melloras de infraestruturas e transportes en España.

Por outra banda, apuntou que o compromiso coa descarbonización é unha das prioridades da CE que, para abordar os desafíos específicos aos que se enfrontan as rexións máis afectadas pola transición, presentou o Plan de Investimentos do Pacto Verde Europeo, un paquete de medidas para que empresas e cidadáns se beneficien dunha transición ecolóxica sustentable.

Ademais, preparan un fondo para a transición xusta para "axudar as rexións máis afectadas pola  descarbonización da economía" que mobilizará un mínimo de 100.000 millóns de euros entre 2021 e 2027, un importe calculado "en base a criterios obxectivos como a porcentaxe de emprego no sector do carbón ou as emisións e outros criterios moi obxectivos".

"España é o oitavo país con máis financiamento" neste fondo, indicou, pero aínda falta o diálogo cos Estados para ratificar a proposta e establecer a porcentaxe que se repartirá a cada comunidade autónoma.

En canto ao 'brexit', Ioannis Virvilis explicou que, aínda que o Reino Unido sairá da Unión Europea o 31 de xaneiro, seguirá sendo tratado coma se fose un membro ata aproximadamente finais de ano, un período de transición que, ao seu xuízo, debería "estenderse" e lograr que se chegue a un acordo comercial similar ao existente nestes momentos.

"Imos facer todo o posible para que as compañías galegas non sufran ningún problema con este 'brexit'", aseverou o representante, que aconsella aos empresarios estar "tranquilos".

Por outra banda, referiuse á Política Agraria Común 2021-2027 que, segundo a proposta da CE, contará cun orzamento de 365.000 millóns de euros e sustentarase no pago directo aos agricultores -cun límite de ata 100.000 euros- e as axudas ao desenvolvemento rural.

Neste sentido, puntualizou que a gran maioría de agricultores -pequenas e medianas explotacións- "non soamente non van sufrir recortes nas súas axudas, senón que verán aumentos nas axudas que recibirán da UE".

En canto á innovación, subliñou o programa Litter Drone, un proxecto financiado pola CE e desenvolvido en Galicia, con investigadores da Universidade de Vigo, entre outros, que consiste nun dron que recolle lixos nas praias e no mar pois "a contaminación marítima é un problema moi importante".

Así, tamén enxalzou o programa WIFI4 EU, grazas ao que 26 concellos galegos terán Wifi gratuíto en sitios públicos.

No seu balance, quixo resaltar tamén o programa Erasmus, pois "España é o primeiro país en participación con respecto á acollida de europeos", por encima de Alemaña, que é o segundo.

Debido a que "o éxito é tan grande" decidiron, para o período 2021-2027, duplicar o orzamento deste programa que cualifica de "experiencia moi enriquecedora", alcanzando os 30.000 millóns para así triplicar o número de beneficiarios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí