CRTVG

Buscar

O peor do temporal Hortensia xa pasou, con vento, ondada e fortes chuvias

Publicado o 22/01/2021 14:55

Como estaba previsto, Hortensia deixou esta noite fortes refachos de vento e moita choiva, pero xa podemos dicir que o peor deste temporal de alto impacto en Galicia xa pasou.

Houbo aviso laranxa por ventos de máis de 100 km por hora.

Tamén trouxo moita choiva. Na provincia de Pontevedra caeron máis de 40 litros por metro cadrado. A  peor situación estivo na costa. Todo o litoral en alerta laranxa por ventos de 80 km por hora e ondas de máis de cinco metros.

De todos os xeitos esta Hortensia non foi tan potente coma a outra, que no 1984 levaba o mesmo nome e causou estragos en todo o país.

O temporal  mantén o litoral galego en aviso laranxa por ventos fortes e ondas de máis de cinco metros nalgúns puntos. 

Despois dunha noite de ventos que superaron os 100 km/h e chuvias abundantes, o temporal Hortensia deunos unha tregua está mañá, pero nas zonas costeiras aínda era visible o seu paso por Galicia. Todo o litoral se atopa en aviso laranxa por mar combinado, o que provocou que, outro día máis, a frota tivese que permanecer amarrada. 

Este tren de borrasca que nos está a acompañar fai que algúns ata boten de menos o frío de hai uns días. Outros prefiren tomalo con optimismo e aproveitar para quedar na casa. 

Pero a calma vai durar pouco, porque esta fin de semana chega unha nova fronte. 

O vento azoutou con forza a provincia de Pontevedra, sobre todo o sur, xerando un regueiro de incidencias. Oitenta servizos tivo só a Policía Local de Vigo, tampouco pararon os bombeiros de Vigo, do Baixo Miño e Ponteareas.

E Hortensia tamén deixou neve na montaña luguesa. Neve que á primeira hora afectou o tráfico pesado nalgunha vía da rede secundaria.

Noticias web

22/01/2021