CRTVG

Buscar

O Parrulo perde 3-2 na cancha do Xaén

Publicado o 16/02/2020 13:26

O Parrulo Ferrol caeu na súa visita ao Xaén, agora mesmo un rival directo na loita polo play-off. Héctor Souto realizou moitas rotacións, incluída a estrea na primeira divisón española do vietamita Hoa.

O Xaén dominou o primeiro tempo pero topaban cun gran Chemi na porta. Ata que no derradeiro minuto do primeiro tempo, o Parrulo cometeu a sexta falta e Carlitos aproveitou o dobre penalti para poñer o 1-0 xusto antes do descanso.
No segundo tempo o Parrulo apostou por xogo de cinco, con Chemi de porteiro xogador. Así chegou o empate, obra de Saura no 23. Porén, pouco despois, no 26 Dani Martín aproveitou un erro defensivo para volver poñer por diante aos locais. 
Igualou outra vez o Parrulo co tanto de Hélder en xogada de estratexia. Foi nese momento cando o Xaén sacou porteiro xogador e coa superioridade numérica volveu marcar Dani Martín.
O Parrulo tentouno ata o final, Hélder rozou o pau no derradeiro segundo do encontro. 
Perdeu o Parrulo en Xaén, na cancha do oitavo e queda a catro puntos do play-off polo título no décimo posto. E mirando cara o obxectivo da temporada, a permanencia, manteñen unha cómoda vantaxe de dez puntos.

Noticias web

16/02/2020