CRTVG

Buscar

O Parque Forestal do Monte Vixiador recupera o bosque autóctono e, con el, aos veciños

Publicado o 29/04/2019 14:03

Moisés e Ana decidiron trasladarse do centro á parroquia viguesa de Candeán en 2013 para que os fillos tiveran unha infancia máis ligada ao medio natural pero preto das vantaxes da cidade. Viven no parque forestal do monte Vixiador, cunhas vistas privilexidas sobre a ría de Vigo, e séntense como na casa desde o primeiro día paseando e gozando dos servizos e iniciativas que pon en marcha a Comunidade de Montes de Candeán neste bosque periurbano felizmente recuperado.

Ángel Moisés Durán, autor da recompilación Contos do Vixiador, vive no parque forestal do monte Vixiador, que pertence á comunidade de montes de Candeán, de Vigo, un bosque periurbano no que os comuneiros apostaron firme por manter o bosque tradicional, autóctono.

Trasladáronse de Vigo a aquí para que os filllos gozaran da infancia que eles tiveran.

Conta que Candeán é moi popular polo zoo de Vigo e a Cidade Deportiva do Celta. Ademais hai miradoiros desde os que se contempla toda a ría de Vigo.

Fálanos con cariño da cantina e das tertulias que se celebran nela no inverno arredor da lareira, falando de todo, e cóntanos que cando chegou, no ano 2003, había moito eucalipto que xa non está.

Admira o traballo dos comuneiros e lembra os terribles incendios forestais que puxeron en perigo este bosque recuperado, que os veciños defenderon como puideron.

Canto ao libro, Moisés recuperou dez historias, vividas ou contadas, como a de Bibiano o dos cogomelos, homenaxe a Bibiano Morón, ao que tamén se honra nesta comunidade cunha ruta infantil dos cogomelos. Cogomelos que logo das rutas cociñan na cantina do Vixiador, entre historias coma as do seu libro.

 

 

Noticias web

29/04/2019