CRTVG

Buscar

A Eurocámara aproba unha polémica directiva sobre os dereitos de autor en Internet

Publicado o 26/03/2019 21:41

O Parlamento Europeo quere que as páxinas de Internet respecten os dereitos de autor dos contidos da Rede. Iso implica que xigantes como Youtube, Facebook ou Twitter serán responsables de que se respecte o copyright dos contidos que publiquen os seus usuarios. Para os detractores da polémica nova lei do copyright, limitará a liberdade de expresión dos que usen Internet na Unión Europea.

O que aprobou o Parlamento Europeo vai supoñer un cambio considerable no uso da Internet. Non será un cambio inmediato, levará aínda un par de anos polo menos. Do que se trata é de que non se suban contidos protexidos por dereitos de autor a Internet sen pagar por eles. Serán as plataformas online as que filtren e controlen que os usuarios non suban contidos protexidos sen a compensación ao autor.

Pero o control será automático, con máquinas, e iso poderá levar a situacións como a de non poder subir a Internet, por exemplo, un vídeo doméstico, sen ánimo de lucro, dun concerto, porque o sistema detectará posible vulneración dos dereitos de autor do artista. A nova norma comunitaria, que aínda ten que ser aprobada polos estados membros, ten moitos detractores, que entenden que o sistema de filtro, que en principio non afectaría a contidos con intención lúdica como os "memes", recortará a liberdade de expresión dos usuarios de Internet.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019