CRTVG

Buscar

O Parlamento de Galicia celebra este martes a sesión solemnde de apertura da XI Lexislatura

Publicado o 07/09/2020 20:12

 O Parlamento de Galicia albergará este martes a solemne sesión de apertura da XI Lexislatura da autonomía galega nun acto no que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, dará lectura a unha declaración institucional que supón o arranque formal do traballo ordinario no Pazo do Hórreo.

Esta cita, convocada para as 12,00 horas, é o único trámite protocolario previo a que empecen os labores propios do período ordinario na Cámara galega, en cuxo hemiciclo sentan nesta lexislatura, marcada pola pandemia, tres grupos: o PPdeG, con 42 deputados; o BNG, con 19; e o PSdeG, con 14.

A diferenza de ocasións anteriores, as restricións pola Covid-19 tamén se deixarán notar e, segundo ratificaron fontes parlamentarias, non acudirán convidados. As normas parlamentarias recollen este acto formal, que debe celebrarse nalgún momento nos 15 días seguintes á constitución do pleno. Así, quedará activada a Cámara de forma case paralela ao noveno Executivo de Alberto Núñez Feijóo, cuxos conselleiros tomaron posesión este luns.

En todo caso, desde a súa constitución formal, todos os grupos rexistraron xa numerosas iniciativas, a maior parte vinculadas coas distintas frontes da pandemia, xa sexa na súa vertente sanitaria, así como na económica ou a social. Ademais, todos os grupos manifestaron a súa disposición ao diálogo no pleno que deixou a Feijóo investido presidente e este anunciou a súa intención de impulsar no seo parlamentario unha comisión que permita sentar as bases, entre todas as forzas, para un pacto pola reactivación.

O presidente, quen anunciou a súa intención de remitir ao Goberno central e ás Cortes unha proposta de Lei Orgánica de Saúde como alternativa aos estados de alarma individualizados para xestionar a pandemia, tamén avanzou a súa intención de articular unha reforma da lei galega de saúde. Outra das normas que terá que tramitar en breve o Parlamento é a lei de impulso demográfico, que o Goberno deixara lista no pasado mandato pero non chegou a superar os pasos preceptivos no Pazo do Hórreo para recibir a súa aprobación.

Noticias web

07/09/2020