CRTVG

Buscar

O Parlamento británico debate o pacto de divorcio do bloque europeo

Publicado o 19/10/2019 15:38

Boris Johnson saía esta mañá do número do dez de Downing Street consciente de que no Parlamento de Westminster o agardaba unha xornada a cara ou cruz, xa que a priori estaba moi difícil a cifra máxica dos 320 deputados necesarios para sacar adiante o acordo coa Unión Europea. Johnson confiaba en contar cos 288 votos dos conservadores, con 17 membros do seu partido expulsados hai tres semanas, con 5 independentes e cunha parte dos 19 laboristas probrexit. Un inmenso reto, pero non imposible.

BORIS JOHNSON. "Agora é o momento de que esta gran Cámara dos Comúns se una e reúna o país, xa que creo que a xente nas súas casas agarda un novo camiño que seguir", dixo Johnson ante a Cámara para lembrar que este é o segundo acordo sobre o brexit e a cuarta votación. Lembrou, ademais, que outra prórroga sería "inútil, custosa e profundamente corrosiva".

A estratexia do Partido Laborista partía do rexeitamento ao acordo e de tentar aprazar a votación para forzar unha nova prórroga coa Unión Europea.
JEREMY CORBYN. "Este acordo non é bo para o emprego, dana a nosa industria e é unha ameaza para o noso medio ambiente. Non é un bo negocio para o noso país e as xeracións futuras sentirán o impacto. Esta Cámara debería rexeitalo hoxe", sinalou Jeremy Corbyn.

As posicións comezaban a quedar claras: os unionistas de Irlanda do Norte e os independentistas escoceses anunciaban o voto negativo sen remisión. Os liberal-demócratas lembraban que non é lóxico votar cando está pendente a avaliación do impacto económico do pacto. E no medio deste debate, o deputado Oliver Letwin, un conservador disidente, introducía unha emenda explosiva, que pretende deixar en suspenso a aprobación do tratado con Bruxelas ata que os deputados teñan tempo de debater e votar os seus termos legais. Os laboristas apresuráronse a apoiar a proposta e todos quedaron atrapados neste novo bucle ata que pola tarde se despexe o panorama na quenda das votacións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019