CRTVG

Buscar

O Parlamento aproba os orzamentos do 2020 grazas á maioría absoluta do PP

Publicado o 17/12/2019 20:04

• Toda a oposición vota en contra

Os orzamentos galegos para 2020 quedaron aprobados este martes no pleno do Parlamento só cos votos a favor do PPdeG, fronte ao rexeitamento de toda a oposición. O debate estivo marcado pola esixencia de forma unánime da oposición para que a Xunta "rectifique" e se volva abrir a sala de partos do hospital de Verín (Ourense). De feito, durante a sesión celebrouse unha concentración ante o Parlamento por este motivo.

Tras a incorporación durante a tramitación previa do texto de sete emendas do PP, dúas de Común da Esquerda e unha do PSdeG, chegaron ata este pleno un total de 1.854 emendas da oposición pendentes -ao articulado e ao estado numérico dos orzamentos-. De tal forma, o voto maioritario do PPdeG descartou as emendas debatidas neste pleno de: PSdeG (697), Común da Esquerda (453), BNG (422) e Grupo Mixto (282). Unha cuestión que provocou as críticas da oposición, que lles reprocha aos populares que pasen o seu "rodete parlamentario". Xa pola tarde, os grupos abordarán a lei de acompañamento.

PSdeG-PSOE

Durante o debate, Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) sinalou que a situación do hospital de Verín é unha "mostra máis do desmantelamento", cuns orzamentos que apostan pola "precarización dos servizos públicos en favor dos servizos privados". Repróchalles aos populares que defendan unha sanidade de "baixo custo", mentres "toma o pelo" aos traballadores ao non incluír nos presupostos melloras pactadas cos sindicatos.

Así, xustifica o voto negativo do seu grupo por ser uns orzamentos "insuficientes, continuistas e sen unha aposta real polo emprego e a industria", mentres non houbo "ningún intento de negociación" por parte dos populares. A isto únese que as contas inciden "na continuidade do fracaso en política industrial", xunto á ausencia de "solucións" para facer fronte á "sangría demográfica", que "é un dos problemas máis importantes do país".

Común da Esquerda

Manuel Lago, que interveu cun adhesivo no peito en que se podía ler "Verín non se pecha" -do mesmo xeito que outros deputados da oposición-, reprobou que o PP use a súa "maioría esmagadora" para "rexeitar todas as propostas" da oposición. Reprocha que as contas non inclúan "ningunha" resposta fronte á crise industrial. Pon de exemplo que o orzamento de turismo "crece o dobre que o de todo o sector industrial galego".

Nesta liña, Lago afea que os orzamentos son "rutineiros" e supoñen un balance "demoledor", cun gasto en 2.000 millóns "por baixo" de cando chegou Núñez Feijóo á Xunta, nun período no que a débeda "aumentou en 7.500 millóns". "Unha estratexia fracasada que deixa unha gravosa herdanza" cun discurso "obsesivo" por "baixar impostos que gravan a riqueza e os grandes patrimonios".

BNG

Ana Pontón (BNG) chamou os populares a que "escoiten o que están a demandar unanimemente" na concentración ante a Cámara, xa que os veciños de Verín "non tragan as súas mentiras". Esixe que "recoñezan o seu erro e rectifiquen" e "que se restableza xa" a sala de partos. "Quen nos pon en risco é o PP cos seus recortes na sanidade pública", avisou a portavoz nacionalista, quen advirte de que "non se pode normalizar unha violencia que se exerce desde o sistema contra as mulleres".

Ademais, reprendeu a actitude dos populares por realizar "un non debate" sobre os orzamentos, ao "converter a este parlamento nun apéndice do Goberno", pois "non aceptan nin unha soa emenda do BNG", nin sequera unha relativa a unha transición xusta para As Pontes, indica. "A evidencia de que había cousas que mellorar é que ata o PP tenos que emendar", apostila. Todo iso, nuns orzamentos dun goberno "fracasado, que non ten ideas nin proxecto de futuro, que deixan unha Galicia peor que hai 10 anos".

Pon de exemplo a crise industrial ou que o Consello de Europa "segue deixando en evidencia" que a Xunta "está a practicar unha política contraria á normalización da lingua galega". Delegados da CIG tamén protagonizaron outra protesta na mañá deste martes fronte ao Parlamento, nun convocatoria en contra dos orzamentos galegos.

Grupo Mixto

Luís Villares reprobou que este orzamento "segue representando un goberno que asume a derrota política para Galicia fronte ás súas emerxencias", xa que estas contas "non melloraron en nada durante a tramitación parlamentaria". Lamenta que hai unha "baixada de impostos aos ricos", mentres se produce o "peche de servizos públicos de carácter esencial", como o paritorio do hospital de Verín, o que ve "un acto de violencia institucional para as mulleres" e uns "malos tratos sanitarios", polo que reclama a súa "reapertura inmediata e incondicional".

Por todo iso, Villares defendeu unha "alternativa orzamentaria" acorde cos valores dunha Galicia "feminista, ecoloxista e solidaria", nun momento de "contracción económica", incremento do paro e "precariedade vital".

PPdeG

En contraposición, Pedro Puy (PPdeG) tachou as "malas" emendas da oposición de "populismo e electoralismo en vea", que reduciu a unha "ficción do uso incorrecto dos recursos". O portavoz popular acusou a oposición de "usar artificios contables" nestas emendas para "facer propaganda".

Apunta que Común da Esquerda propón aumentar o gasto en 560 millóns, seguido do PSdeG (293 millóns máis) e BNG (232 millóns máis), pero sen "dicir a que se renuncia" para ese aumento. Puy espetoulle á oposición que "fan populismo" con Verín, mentres lembra que o Grupo Mixto e o PSdeG emendaron "nada" sobre este hospital, mentres o Grupo Mixto faibo por un millón de euros e o BNG por dous.

Remarca que esta semana se debaterá en pleno sobre a situación en Verín, polo que defende que se acepta unha emenda dos populares "os dous millóns van quedar moi curtos".

Os orzamentos superan os dez millóns de euros

Galicia terá en 2020 uns orzamentos de máis de dez mil millóns de euros, límite que non se superaba desde hai máis dunha década. Os presupostos soben un 3% respecto aos do último exercicio, o que supón un incremento global de 300 millóns.

Por primeira vez desde que rematou a crise, os orzamentos de Galicia superarán os 10.000 millóns de euros. A Xunta aumenta o global das partidas un 3% con respecto a este exercicio, preto de 300 millóns.

Pero os de 2020 serán, sobre todo, os presupostos co maior gasto social nos últimos 40 anos: 7.400 millóns dos que máis da metade, 4.100, destinaranse á Sanidade pública. Outro terzo, case 2.500 millóns irán parar á educación e ao ensino.

Os máis de 800 millóns restantes servirán para financiar as políticas de benestar social. Ademais, a Xunta contempla nas súas contas un incremento salarial do 2,2% para os funcionarios públicos, e reservou 260 millóns para políticas de emprego coas que agarda crear arredor de 9.000 novos postos de traballo ao longo do próximo ano.

Canto ás estimacións económicas, o Goberno galego estima que a nosa economía seguirá medrando, neste caso un 1,9%, unha décima por riba do conxunto de España. A Xunta agarda que o paro siga baixando ata situarse arredor do 10%, e confía en que o déficit se manteña no 0,1%.

Aproba a lei de acompañamento entre fortes críticas da oposición

A maioría absoluta do PPdeG no Parlamento de Galicia aprobou este martes a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos autonómicos para 2020, norma que foi rexeitada por toda a oposición ao entender que a Xunta de Galicia fai un uso excesivo da mesma. En concreto, esta lei de acompañamento modifica unha serie de impostos autonómicos ou cedidos, así como un total de trinta leis, tres das cales -a de rehabilitación e rexeneración urbanas, a de administración dixital e a de patrimonio natural e biodiversidade- foron aprobadas ao longo do presente ano.

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG Paula Prado apuntou que, aínda que esta norma "non é a mellor ferramenta en canto a técnica lexislativa", permite "unha actualización das taxas administrativas, unha baixada dos impostos e a modificación de cuestións que dificultan a aplicación de determinadas leis". Neste sentido, Prado incidiu en que os políticos teñen "o compromiso de resolver problemas", algo que estaría a permitir esta lei, e respondeu ás acusacións da oposición "furtar o debate" sinalando que "tiveron a oportunidade de debater sobre esta lei en pleno, en comisión e en varios relatorios".

Os grupos da oposición fixeron un percorrido polas normas que consideran máis lesivas, comezando polas de ordenanzas fiscais que inclúen a exención de imposto de sucesións aos patrimonios de ata un millón de euros ou a rebaixa do imposto de transmisións patrimoniais para vivendas situadas en zonas pouca poboadas. Os cambios na Lei de patrimonio natural e biodiversidade foron especialmente criticados, debido a que, tras ser aprobada en agosto, modificouse para facer que a reparación de danos ambientais prescriba aos quince anos de producirse, cando no texto orixinal esta non prescribía nunca.

A modificación na Lei de caza, pola súa banda, amplía as modalidades de caza para abater xabarís aplicando técnicas da caza menor, mentres que tamén se mantén o veto cautelar a novas salas de xogo en espera da Lei do Xogo de Galicia e prorróganse o plan de financiamento das universidades galegas e as concesións de liñas de autobús escolar.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Teresa Porritt denunciou que a Xunta de Galicia "modificou 59 leis no que vai de lexislatura", 37 das cales foron corrixidas en máis dunha ocasión, e emendou todos os anos a Lei do solo, a Lei de servizos sociais, a Lei do comercio interior e a Lei de emprego público.

"O Goberno de progreso de PSdeG e BNG non utilizou nin unha soa vez a Lei de acompañamento nos seus catro presupostos", engadiu Porritt, que acusou a Executivo autonómico de ser "un lastre para o país", cuxo "fracaso" se ve evidenciado "por esta forma de lexislar".

O viceportavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez acusou a Xunta de Galicia "da falta dun plan público de actuación", lexislar "a pedimento de diversos 'lobbys', que lles piden que corrixan leis que fixeron mal para os seus intereses". Sánchez mostrouse especialmente crítico coa modificación da Lei do Solo, "que permite a monetarización do chan -ao permitir a promotores que paguen- nun momento en que se necesitan máis políticas públicas de chan que nunca", á vez que lle pediu á Xunta que elabore "un plan sectorial eólico e outro das actividades mineiras".

A deputada do BNG Olalla Rodil mostrouse crítica coas formas do Executivo galego, tendo en conta que "ano tras ano abusa dun procedemento de carácter excepcional e de urxencia" que, aínda que pode ser "útil para cambios eventuais", non debería "ser utilizada para o groso das reformas lexislativas". A parlamentaria nacionalista fixo especial fincapé na Lei do solo, "aprobada en 2016 e modificada cinco veces", a Lei de mobilidade de Terras, "modificada catro veces", e "o colmo, a Lei de prevención e defensa contra os Incendios Forestais, de cuxa versión orixinal só queda o título e que conta con artigos como o 21 que foron modificados catro veces".

Por último, o deputado do Grupo Mixto Pancho Casal tachou de "impresentable" a práctica da Xunta de Galicia de "abusar de modificacións do ordenamento xurídico que nada teñen que ver cos orzamentos" e propuxo unha modificación que "se bota en falta": a da Lei de ordenación territorial do Sistema Público de Saúde de Galicia.

"Poderíase establecer que aspectos como o peche da sala de partos do hospital de Verín ou a falta de pediatras fosen declarados ilegais, iso deixaría moi tranquila á cidadanía que depende dese centro e doutros hospitais comarcais e contaría co apoio de toda a oposición", resolveu.

Noticias web

17/12/2019