CRTVG

Buscar

O Parlamento aproba, cos votos do PP, o límite de gasto para o ano que vén

Publicado o 10/11/2020 11:25

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, cos votos do PP, o teito de gasto remitido pola Xunta, de 11.664 millóns de euros para 2021, tras un incremento de 1.500 millóns respecto do do ano pasado, case un 15 por cento máis, para afrontar os efectos da pandemia da covid-19. O BNG e o PSdeG votaron en contra.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reclamou durante a súa intervención o apoio para este límite do gasto porque "é o marco financeiro necesario para afrontar o momento excepcional" que se vive pola pandemia, aínda que asegurou que Galicia está "mellor preparada" que outras comunidades para afrontar esta crise. Asegurou que é unha cifra "excepcional, prudente e rigorosa".

Con todo, os dous grupos da oposición votaron en contra ao considerar que non está "á altura do desafío" e que non se trata da previsión adecuada para facer fronte á crise sanitaria, económica e financeira que afronta a comunidade.

A voceira do BNG, Ana Pontón, dixo que non é tempo de "improvisación e propaganda política" que é necesario "investir máis e investir ben para rescatar a sanidade pública e dotala de máis medios".

Desde o PSdeG, a deputada Begoña Rodríguez Rumbo dixo que o debate presupostario "ten que ser diferente" porque "sen saúde todo o demais é secundario".