CRTVG

Buscar

O Parlament rexeita a moción de censura de C's contra Torra, que só apoia o PP

Publicado o 07/10/2019 20:17

O Parlament rexeitou este luns a moción de censura presentada por C's contra o presidente da Generalitat, Quim Torra, e que só contou cos apoios de C's e os catro deputados do PP. Os deputados de JxCat, ERC, os comúns e a CUP votaron en contra da moción que propoñía a líder de C's, Lorena Roldán, para substituír a Torra á fronte da Generalitat, mentres que se abstiveron os deputados do PSC.

Roldán presentou a iniciativa a propósito de que previsiblemente non sairía adiante, pero repetindo nas súas intervencións que se facía necesario impulsala nun momento en que, segundo ela, desde os partidos independentistas e o Govern, "animan presuntos terroristas", en referencia aos membros dos CDR encarcerados.

Igual que as 3 anteriores, a cuarta moción de censura da historia autonómica catalá non prosperou. Só a apoiaron 40 dos 135 deputados do Parlament, os do Partido Popular e os de Ciudadanos, promotores da iniciativa.

Lorena Roldán, de Ciudadanos, cre que "é un imperativo moral censurar un goberno que anima e esporea os radicais, que defende aqueles que están sendo investigados por terrorismo na Audiencia Nacional".

Torra non participou no debate. Deixou a súa defensa en mans de Mertixell Budó, voceira da Generalitat, que acusou a Ciudadanos dun uso fraudulento do Parlament coa vista posta no 10 de novembro. 

Meritxell Budó, conselleira da Presidencia da Generalitat: "Señores de Ciudadanos, isto non é un bar. Isto non é un estudio de televisión. Isto non é un pavillón para facer actos de campaña".

Acusación semellante á do líder do PSC. Miquel Iceta dixo que hai motivos para censurar a Torra, pero decidiron absterse porque os seus votos non ían cambiar nada e para non entrar no xogo propagandístico dos de Albert Rivera. 

Miquel Iceta, primeiro secretario do PSC, dixo que "non queremos formar parte dunha operación política fracasada antes de empezar. E tampouco queremos contribuír a unha operación propagandística, e lexítima, do seu grupo, acosado agora polas enquisas". 

Cayetana Álvarez de Toledo, voceira do PP no Congreso, aseguraba que "tamén é unha moción de autocensura de Pedro Sánchez e o PSC. Non podemos entender que o Partido Socialista siga mantendo unha posición, xa non digo de ambigüidade, senón, co seu voto no día de hoxe, de mantemento e apoio ao señor Torra e aos seus aliados"

En Comú Podem votou, igual que os grupos independentistas, en contra da moción.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí