CRTVG

Buscar

O papa ordena eliminar o segredo pontificio para as causas de pederastia

Publicado o 17/12/2019 14:37
O papa ordena eliminar o segredo pontificio para as causas de pederastia

O papa Francisco ordenou eliminar o segredo pontificio nos casos de abusos a menores por parte de membros do clero, atendendo así a unha das reivindicacións das vítimas de pederastia.

Coa nova instrución, que entrará en vigor inmediatamente, non estarán suxeitas ao segredo pontificio as denuncias, os procesos e decisións concernentes a eses casos de abusos, segundo informou hoxe o Vaticano.

Tamén se endurecen as normas sobre os casos de pederastia de maneira que sexa delito "a adquisición, posesión ou divulgación, cun fin libidinoso, de imaxes pornográficas de menores de 18 anos por parte dun clérigo", e non só os menores de 14 anos como ata o de agora.

As vítimas de abusos pediran insistentemente que se abolise a práctica da Igrexa católica de impoñer regras de silencio e confidencialidade nas causas xudiciais do Vaticano relacionadas coa pederastia por parte de clérigos, por considerar que se protexe aos agresores.

Na nova instrución, "sobre a confidencialidade das causas" establécese claramente que "non pode impoñerse ningún vínculo de silencio con respecto aos feitos procesados nin ao denunciante, nin á persoa que afirma ser prexudicada nin ás testemuñas".

A nova instrución detalla que nestes casos de abusos a información tratarase de maneira que se garanta a "seguridade, integridade e confidencialidade" establecidas polo Código de Dereito  Canónico para protexer "a boa reputación, a imaxe e a privacidade" das persoas implicadas.

Pero sinálase que "o secreto de oficio non obsta para o cumprimento das obrigacións establecidas en cada lugar pola lexislación estatal, incluídas as eventuais obrigacións de denuncia, así como dar curso ás resolucións executivas das autoridades xudiciais civís".

Paralelamente, o papa ordena endurecer o delito sobre posesión, adquisición ou divulgación de material pornográfico de menores, elevando a idade destes menores desde os 14 aos 18 anos.

Trátase dun cambio nas chamadas Normas de Delitos Graves aprobadas en 2001 durante o pontificado de Xoán Paulo II.

Segundo o documento asinado polo secretario de Estado vaticano, cardeal Pietro Parolin, a nova instrución sobre o secreto pontificio foi acordada polo papa o pasado 4 de decembro.