CRTVG

Buscar

O papa Francisco apoia a celebración de unións civís entre persoas do mesmo sexo

Publicado o 21/10/2020 17:04
O papa Francisco apoia a celebración de unións civís entre persoas do mesmo sexo

O papa Francisco afirmou nunha entrevista que os homosexuais deben estar protexidos por leis de unión civil.

"As persoas homosexuais teñen dereito a estar nunha familia. Son fillos de Deus e teñen dereito a unha familia", asegurou o pontífice nunha das declaracións máis claras realizadas sobre este tema desde que accedeu ao papado.

"Ninguén debe ser expulsado ou sentirse miserable por iso", dixo o papa Francisco nesa entrevista que forma parte dun documental presentado no Festival de Cine de Roma, realizado por Evgny Afineevky titulado 'Francesco'.

As palabras do Papa chegan despois dunha longa viaxe da Igrexa ao respecto. Esas declaracións de Francisco non están dirixidas a Italia e á súa lexislación, senón ao mundo. O seu é un discurso amplo que quere sensibilizar á Igrexa.

Entre os momentos máis destacados do documental hai unha chamada telefónica do Papa a unha parella homosexual, con tres fillos pequenos, en resposta a unha carta deles na que amosaban a súa gran vergoña ao levar os seus fillos á parroquia. O consello de Bergoglio é que leven os nenos á parroquia de calquera xeito independentemente de calquera xuízo.

Na cinta, de dúas horas de duración, mestúranse entrevistas a personalidades, amigos do papa e outros, con viaxes do pontífice, partes dos discursos que fixo en diferentes ocasións, frases en off de Francisco e algunhas a cámara. 

"Reuninme con el unas cinco veces, sempre en función da súa axenda, tivemos tamén dúas entrevistas a cámara", conta o director, polo que non queda claro en que momento avoga Francisco por esas unións civís para os homosexuais, como alternativa a un matrimonio que a Igrexia rexeita.

Un dos entrevistados é a vítima de abusos sexuais e activista chileno Juan Carlos Cruz, que fala co papa acerca destes abusos e acerca da súa percepción sobre os gais.

O director do documental destacou a evolución de Francisco en relación aos abusos e a súa capacidade para "aprender dos seus erros". Uno deles, que logo o papa recoñeceu, produciuse cando en 2018 non creu ás vítimas de abusos sexuais por parte de sacerdotes en Chile e pediulles probas, enfadado, pero pouco despois pediu perdón, recibiu ás vítimas en Roma e fixo dimitir aos bispos chilenos.

"Só dous meses despois do 'cumio dos abusos' de febreiro de 2019 víronse os primeiros froitos, a nova lei vaticana que obriga a denuncialos, e pouco despois aboleuse o segredo pontificio", subliña Afineevsky.