CRTVG

Buscar

O pan galego xa conta coa súa Indicación Xeográfica Protexida

Publicado o 29/07/2020 21:09

A finais de ano estas pezas de pan xa levarán o distintivo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Un selo que vai garantir que contén un mínimo do 25% de fariña e un 75% de auga galegas e que a codia non terá máis de dez milímetros.

Ademais de regular os métodos de elaboración e promocionar o pan galego, a nova IXP tamén combaterá a picaresca que fai que en ocasións se presenten como pan de Galicia produtos que non teñen nada que ver con estes.

"A indicación de pan galego estaba a ser utilizada polas grandes superficies como reclamo publicitario para vender produtos que non tiñan nin a calidade, nin eran elaborados aquí nin tiñan nada que ver co que se fai nos obradoiros artesanais galegos".

A norma da IXP di que o pan deberá ser de miga esponxosa, con sabor intenso a trigo, cun punto de acidez e un aroma intenso. E tamén que só se poderá usar maquinaria no proceso de amasado e que as masas deberán repousar un mínimo de tres horas.

Agora xa se traballa para aumentar a produción de trigo autóctono e para que os muíños que producen a fariña aposten por aplicar os regulamentos da IXP. En moitos casos só haberá que certificar o que xa se está a facer.

"Nós, co que facemos, xa estamos dentro da IXP. Porque xa usamos máis do 25% de fariñas elaboradas en Galicia das especies callobre e caaveiro. E nos tempos de fermentación tampouco nos supón un cambio".

En breve estarán abertos os rexistros para inscribirse na Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.

Noticias web

29/07/2020