CRTVG

Buscar

O País Vasco estuda declarar a emerxencia sanitaria se a evolución da pandemia non mellora

Publicado o 13/08/2020 21:22

O Goberno aragonés instalou este xoves unha nova máquina de diagnose no laboratorio do Clínico de Zaragoza. Non daban abasto para analizar as preto de 1.500 PCR que lles chegaban a diario. O rastrexo dos contactos e a realización de probas son, segundo Fernando Simón, unha garantía para controlar os gromos.

"Aragón e Cataluña demostraron que, se se aplican as medidas dispoñibles con contundencia, o gromo pode chegar a controlarse", engade o director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Asegura que a situación nestas dúas comunidades tende a estabilizarse. Este xoves Aragón notificou 418 novos casos e Cataluña 164. Madrid, que non puidera actualizar os datos a xornada anterior, deu conta de algo máis de 840 contaxios.

"Agora mesmo, igual que hai uns días pasou con Artagón ou Cataluña, é unha das comunidades en que temos que fixarnos cun pouco máis de atención, considera Fernando Simón.

Euskadi, con 545 infeccións, convértese na comunidade con máis novos casos diarios. De feito, estuda restrablecer o estado de emerxencia sanitaria.O director do Centro de Alertas asegura que se están a tomar as medidas axeitadas para chegar a setembro cos mellores datos.

"O obxectivo é tentar detectalo todo para controlar o maior número de canles de transmisión e que cheguemos a setembro na mellor situación posible", considera.

Fernando Simón asegura que non existe risco inminente de colapso sanitario en España por mor da covid-19. Malia o incremento de casos, subliña que a ocupación de camas roza o 3 por cento.

Noticias web

13/08/2020