CRTVG

Buscar

O Ourense C. F. cre que a xuventude do equipo xogará ao seu favor

Publicado o 15/07/2020 20:39

Seis semanas de preparación e, como máximo, dous partidos para decidir un ascenso. Desde o Ourense Club de Fútbol, segundo clasificado antes da interrupción cun punto menos ca o líder Compostela, ven moi igualada a promoción de Balaídos. O técnico, Francisco Justo, sinala que "ao xogalo a un partido todos temos todas as opcións do mundo de poder gañar e acadar o ascenso. Os catro estamos aí por méritos propios e os catro somos moi bos equipos".

O club herdeiro do histórico Ponte Ourense volverá tentar un ascenso que o club matriz non conseguiu nos seus tres intentos. Un dos habituais nas promocións de ascenso, o central Portela ve neste minitorneo un bo escaparate para os xogadores máis novos: "Somos o equipo máis novo dos catro que participamos nesta eliminatoria, e iso é algo que nos vai beneficiar. Despois do temporadón que estabamos facendo, sobre todo algúns xogadores, creo que estes dous partidos serán un bo escaparate para facelo ben e lograr o ascenso".

O Compostela-Barco abrirá a promoción o sábado; o domingo xogarán o Arousa e o Ourense Club de Fútbol, o equipo con menos derrotas na actual temporada e o máis goleador xunto ao Compostela. Ambos partidos comezarán ás sete e media da tarde e poderán seguilos na TVG2
 

Noticias web

15/07/2020