CRTVG

Buscar

Segue aberta a operación que detivo o primeiro 'narcosubmarino' de Europa en Cangas

Publicado o 24/11/2019 22:41

• As autoridades van sacar o submarino do fondo da ría 

• Trátase dun novo sistema usado para non ser detectados 

• Controis no Morrazo na busca dun narcotraficante fuxido

 

Segue aberta a operación antidroga no Morrazo, despois de interceptar un narcosubmarino cunha carga importante de cocaína. Poderían ser máis de tres toneladas procedentes de Colombia. 

É a primeira vez que se detecta un narcosubmarino en Europa, unha embarcación que xa fora interceptada noutras operacións en Latinoamérica e nos Estados Unidos. O Morrazo está blindado e a operación segue aberta, probablemente, ata que se produzan novas detencións.

O submarino foi detectado de madrugada na praia de Foxos, en Aldán, no marco dunha operación internacional que levaba días investigando unha rede de narcotráfico que podería estar operando nas Rías Baixas. As forzas antidroga detiveron dous tripulantes pero un terceiro escapou a nado. Ao vérense sorprendidos os narcos conseguiron somerxer o aparello.

"Desde o Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crimen Organizado de Madrid púxose en marcha unha operación na que está a Garda Civil, a Policía Nacional, Aduanas e a Comandancia de Galicia. Neste momento localizouse unhas persoas e un somerxible que neste momento como a operación está aberta non lle podo dar máis datos".

Investígase se o submarino navegou desde America do Sur ata España co cargamento ou se a droga foi introducida nalgún punto mar a fóra. A nave ten uns 20 metros de eslora e podería transportar ata 3.000 quilos de cocaína. 

"Estamos facendo unha reflotación do somerxible e neses momento poderemos ter máis información sobre a operación internacional posta en marcha".

Hai trece anos xa aparecera na ría de Vigo un submarino de fabricación caseira cargado de combustible e co motor en marcha. Daquela, as autoridades xudiciais procesaron seis persoas por tentativa de tráfico de droga. O de hoxe sería o primeiro interceptado que atravesase o océano Atlántico. 

 

 

 

 

Noticias web

24/11/2019