CRTVG

Buscar

Os móbiles sitúan o Chicle con Diana e tamén en Asados

Publicado o 20/11/2019 21:20

Na noite da súa desaparición, Diana volvía á casa polo paseo do Areal. Así o proba o sinal da antena que daba cobertura ao móbil da moza. A súa posición está perfectamente determinada en cada momento, porque en só 11 minutos, Diana escribe 123 mensaxes. Está conectada á rede continuamente.

No cruzamento entre Areal e a rúa Venecia o móbil de Diana empeza a lanzar sinais raros, como se o golpeasen ou o tapasen. Os técnicos cren que foi alí onde se produciu o ataque do Chicle.

"Estanse pulsando teclas de xeito errático e ademais o terminal está sendo obstruído por algo, pode ser un corpo, ir dentro dun vehículo. Á vez que se manipula o teléfono, está sendo ocultado".

A partir dese punto, o teléfono de Diana viaxa dentro dun vehículo en dirección á autovía. Nese mesmo coche ía tamén o móbil de Jose Enrique Abuín. Ambos van cara a Rianxo. O teléfono de Diana perde a conexión en Taragoña, cando o Chicle o tira ao mar. Pero o de Abuín segue ata a nave de Asados, onde se atopou o corpo de Diana.

-"Pódese determinar que ás 3.09 o acusado estaba na zona da nave de Asados?"

-"Sen dúbida ningunha".

O Chicle estivo na nave de Asados, como mínimo, unha hora e 21 minutos. Case 500 días despois, cando volve detido pola Garda Civil, o acusado non quere achegarse ao pozo. Di que viu o cadáver cando o foi fondear e que ten a súa imaxe na cabeza.

"Non quere avanzar. Di que está nunha arqueta e que non quere ir porque ten gravada a cara da nena porque volvín aquí para comprobar e volvina ver".

Este xoves van declarar as forenses que fixeron a autopsia ao corpo.
 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí