CRTVG

Buscar

O ministro de Agricultura ve prioritaria a transformación para fabricar produtos lácteos

Publicado o 04/09/2019 18:02

O ministro de Agricultura en funcións ve prioritaria a redución da porcentaxe de produción de leite para o consumo en beneficio da transformación para fabricar produtos lácteos. Nunha visita a empresas do sector, aquí en Galicia, destacou a necesidade de ollar cara aos novos mercados, investir na innovación e a importancia do cooperativismo.

O sector lácteo está en proceso de cambio e o ministro de Agricultura insiste na importancia de darlle máis peso á transformación. Investir en produtos de longa vida que faciliten a exportación para que, ademais, o gandeiro teña un mellor rendemento. Tras a súa visita ás instalacións de Clesa en Caldas, e á cooperativa Clun, Luis Planas destacou a importancia do cooperativismo e recoñeceu que hai que rematar cos dentes de serra nos prezos, para dotar de estabilidade toda a cadea.

Dixo que o incremento da poboación mundial fará necesario o aumento da produción de lácteos, e que o reto é gañar dimensión e competitividade para o futuro do sector.

Máis da metade das explotacións leiteiras están na nosa comunidade. O dato máis recente,  de xullo deste ano, contabiliza sete mil trescentas. Así é que dos sete millóns de toneladas de leite que produciu España durante o ano pasado, case tres millóns saíron de Galicia. O seu valor, o volume de facturación, pasou dos 850 millóns de euros. 

Galicia, primeira potencia leiteira de España

O impacto do sector lácteo vai moito máis aló dese 1,7% do PIB. Teñan en conta que este sector emprega directa e indirectamente unhas 25.000 persoas en Galicia, con moitas ramas de traballo asociadas. Falamos, por exemplo, dos negocios de maquinaria agrícola, cultivos, fertilizantes ou pensos para alimentar o gando. Trátase dun sector estratéxico para a economía do país e podería selo máis se logra superar seus grandes retos: o prezo do leite, cunha media de 30 céntimos por litro segue a ser o máis baixo de España, a falta de remuda xeracional e a necesidade de ampliar base territorial para seguir medrando de maneira rendible.

Galicia é a primeira produtora de leite de España e a oitava de Europa. Catro de cada dez litros do leite que se produce en España procede das sete mil cincocentas granxas galegas, que poñen cada día no mercado máis de sete millóns de litros de leite.

Case o 2% do produto interior bruto galego vén do sector lácteo, aínda que o impacto real na economía galega é moito maior. E se se consegue unha industria transformadora dos produtos lácteos que aposte polos derivados do leite, aumenareá a importancia económica.

As vacas, non soamente forman parte da paisaxe agraria. Tamén son un faxtor de crecemento da economía galega.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí