CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra 21.908 novos casos e 368 mortes, a peor cifra da segunda vaga

Publicado o 05/11/2020 18:41

As comunidades autónomas notificaron este xoves ao Ministerio de Sanidade 21.908 casos máis da covid-19, dos cales 9.606 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, elevando o total a 1.306.316. A taxa media actual de infeccións en España nos últimos 14 días sitúase en 527,30 casos por cada 100.000 habitantes. 

O departamento dirixido por Salvador Illa notificou 368 mortes máis este xoves, 1.002 na última semana. Isto fai que a cifra mundial de mortos por coronavirus en España sexa de 38.486 persoas. Actualmente hai 20.281 pacientes ingresados en toda España e 2.802 nunha UCI. Ademais, na última semana ingresaron nun hospital 4.796 persoas como consecuencia da infección causada polo contaxio do coronavirus e 364 nunha UCI. A taxa de ocupación das camas ocupadas polo coronavirus xa se sitúa no 16,35 por cento e nas UCI no 29,20 por cento.

Madrid está á cabeza en novos casos últimas 24 horas, con 2.075; seguida de Cataluña, con 1.238; País Vasco, con 1.214, e Aragón, con 1.030. 

Os contaxios medran a menor ritmo pero a presión asistencial segue a ser importante. A ocupación media nas unidades de coidados intensivos achégase ao 30 por cento e algunhas comunidades comezan a ter problemas coa actividade hospitalaria cotiá. Malia e todo, os datos apuntan a unha certa estabilización.

"Son catro ou cinco días nos que observamos esa posible estabilización. Cando vexo os datos no meu despacho pode escaparme un sorriso, pero preferiría ser un pouco máis prudente en público e agardar, polo menos, unha semana para valorar esa posible tendencia", considera Fernando Simón.

Asegura que as medidas postas en marcha polas comunidades comezan a dar resultados e desbota, polo momento, o confinamento domiciliario. Pero adivrte que o obxectivo non é baixar un pouco a transmisión senón reducir de xeito considerable o número de casos.

"Se a evolución é boa as medidas iranse adaptando á situación epidemiolóxica. Agora ben, se isto implica que o obxectivo é ter uns días de vacacións e logo volver a empezar penso que nos equivocamos de estratexia. O obxectivo non é, en abosluto, baixar para aos tres, catro, cinco días, unha semana, volver estar na mesma situación".

Nesta segunda vaga, os contaxios entre o persoal sanitario diminuíu. Tamén a incidencia nas residencias de maiores. Malia e todo, na última semana rexistráronse 137 gromos en centros de todo o territorio.