CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra 12.289 novos contaxios e 337 falecidos máis pola covid-19

Publicado o 26/11/2020 20:10

O Ministerio de Sanidade contabilizou este xoves 12.289 novos positivos de coronavirus, que elevan a cifra total a 1.617.355.

O número total de falecidos ascende 44.374 tras os 337 rexistrados nas últimas 24 horas, mentres se mantén unha incidencia acumulada de 325 casos por cada 100.000 habitantes.

Segundo os datos notificados a Sanidade polas comunidades autónomas, a presión hospitalaria en toda España pola covid−19 sitúase no 12,30 %, mentres que un 28,64 % das camas UCI está xa ocupada por enfermos de coronavirus.

Por autonomías, Madrid é a que máis novos positivos diagnosticou nas últimas 24 horas, con 1.061, seguida de Cataluña, con 728 casos, Andalucía, con 521, e País Vasco, con 503.

A transmisión e a ocupación hospitalaria baixan lixeiramente en España

A evolución da transmisión do virus segue sendo favorable en España con 325 casos por 100.000 habitantes.

Pero os expertos lembran que queda moi lonxe do obxectivo marcado por Sanidade: 50 casos ou menos, por esa cifra de poboación.

Os datos amosan tamén un descenso suave pero continuado na ocupación hospitalaria, tamén da UCI.

Respecto ás festas do Nadal, Sanidade insiste na necesidade de reducir o tamaño das xuntanzas familiares o máximo posible, tendo en conta outras variables que poden ser decisivas para non expandir de novo o virus.

Se todos cumprimos coas medidas, tanto a poboación como as institucións, Fernando Simón atrévese a vaticinar que poderiamos estar preto do obxectivo de incidencia acumulada de 50 casos por cada 100.000 habitantes en xaneiro ou febreiro.

Para logralo, a responsabilidade ten que ser de todos festexando un Nadal un chisco diferente.

Noticias web

26/11/2020