CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra 10.127 novos casos de covid−19, 4.765 no último día, e 254 mortes

Publicado o 03/12/2020 18:38

As comunidades autónomas notificaron este xoves ao Ministerio de Sanidade 10.127 casos de covid−19, dos que 4.765 foron diagnosticados nas últimas 24 horas. En relación cos 5.060 rexistrados o mércores, elévase a cifra global de persoas infectadas por coronavirus ás 1.675.902.

A incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días sitúase nos 240,89 casos por cada 100.000 habitantes.

Canto aos falecidos por covid−19, o departamento que dirixe Salvador Illa notificou este xoves 254 máis, 1.015 na última semana.

Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve ás 46.038 persoas.

Por outra banda, na actualidade hai 13.063 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 2.440 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas se produciron 1.131 ingresos e 1.543 altas.

Ademais, na última semana 2.841 persoas ingresaron nun hospital como consecuencia da infección provocada polo contaxio do coronavirus e 220 nunha UCI.

A taxa de camas ocupadas por coronavirus sitúase actualmente no 10,53 % e na UCI no 25,28 %.

A incidencia máis baixa dende o 14 de setembro

Catro semanas de descenso continuado e cunha transmisión á baixa confirman que as medidas restritivas adoptadas no último mes deron resultado. Aínda así unha de cada catro camas das UCI están ocupadas por pacientes de covid−19; na ocupación en planta, unha de cada dez. Calquera relaxación pode traer consecuencias dramáticas.

Os expertos aseguran que a ponte é un período de risco que aínda pode afectar as datas do Nadal. Catro días poden ser suficientes para tirar todo o esforzo que levamos feito. Por iso insisten na importancia das medidas restritivas para esta primeira proba.

De feito, dependendo dos datos rexistrados despois da ponte da Constitución, o plan establecido para as datas do Nadal podería modificarse. Se imos peor sería máis restritivo e se imos mellor, algunhas medidas poderían flexibilizarse. Para iso, di Sanidade, temos que ser moi precisos coas medidas de responsabilidade individual porque delas dependemos todos.