CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 9.658 novos positivos, 3.781 nas últimas 24 horas

Publicado o 27/08/2020 18:55

O Ministerio de Sanidade informou de 3.781 casos da covid-19 nas últimas 24 horas en España, un avance con respecto a onte (3.594).

O informe deste xoves engadiu 9.658 novos positivos á cifra global de contaxios, que se sitúa xa en 429.507.

Ademais, producíronse 132 falecementos nos últimos sete días, unha cifra similar á notificada este mércores (129). Así, o número total de mortes desde o inicio da pandemia sitúase en 28.996, segundo as estatísticas oficiais.

Na pasada semana rexistráronse 1.607 ingresos en camas hospitalarias (132.988 desde o inicio da pandemia en España) e 114 en unidades de coidados intensivos (12.206 no cómputo global).

Presión sanitaria baixa cun 5% de hospitalizacións 

Seguen aumentando os casos positivos, son case 4.000 nas últimas 24 horas, o que suma un total de 9.658 casos. Isto débese a unha maior capacidade de detección pero tamén ao aumento da transmisión desde que se recuperou a mobilidade. Un aumento paulatino e non drástico, que permite actuar con máis efectividade sobre os territorios.

A presión sanitaria segue sendo baixa como norma xeral. O sistema xeral de saúde rexistra un 5% de hospitalizacións cando no pico da pandemia houbo ata un 55% dos pacientes ingresados por coronavirus.


Madrid, Cataluña e País Vasco á cabeza dos contaxios

En Madrid, os contaxios seguen subindo. O alcalde pide aos veciños dos distritos do sur da capital máis afectados como Usera, Puente de Vallecas, Villaverde ou Carabanchel, que salgan da casa só o imprescindible.

Murcia, a Comunidade Valenciana e Cantabria aceptaron incorporar rastrexadores militares na súa loita contra a COVID-19. Sanidade repartirá 2.000 efectivos por un tempo limitado.

En Andalucía, Málaga é na provincia máis castigada. Os contaxios multiplícanse rexistrando máis de 800 positivos nas últimas 24 horas. A xustiza xa avalou a prohibición do Goberno andaluz que prohibe fumar na rúa e que restrinxe o ocio nocturno se non se pode manter a distancia de seguridade.