CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 78 contaxios nas últimas 24 horas, cinco deles en Galicia

Publicado o 06/07/2020 17:36

O Ministerio de Sanidade rexistrou este luns 12 mortes con Covid-19 nos últimos sete días, tres máis que o pasado venres, situándose a cifra total de falecidos desde o inicio da pandemia nos 28.388.

Esta fin de semana, e como xa será habitual a partir de agora, o departamento que dirixe Salvador Illa non facilitou datos do sábado e domingo, aínda que este luns se notifificaron 78 novos positivos nas últimas 24 horas, en comparación cos 174 do pasado venres, o que sitúa en 251.789 as persoas que se infectaron polo novo coronavirus. 

Ata 1.334 persoas iniciaron síntomas de Covid-19 nas dúas últimas semanas, das que 417 se produciron nos últimos sete días. Ademais, 11.706 persoas ingresaron nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI), 10 nos últimos 7 días; e 125.572 precisaron hospitalización, 138 na última semana.

Andalucía (1) Aragón (1), Castela-A Mancha (1), Castela e León (2), Cataluña (2), Madrid (3) e o País Vasco (2), son as únicas comunidades que notificaron falecidos nos últimos sete días.

Andalucía 7

Aragón 13

Cantabria 1

Castela-A Mancha 8 

Cataluña 18

Comunidade Valenciana 4

Estremadura1

Galicia  5 

Madrid 16 

Murcia 2

Navarra 3

Risco de rebrotes

Arestora hai medio cento de brotes activos en España. E medran os contaxios pero polo momento non está sobre a mesa tomar medidas a nivel estatal, mentres as comunidades autónomas dean controlado a situación. Con todo, Fernando Simón amósase preocupado, especialmente, polo que ocorre en Lleida.

 A comarca do Segrià dobrou contaxios nunha semana, con 524 nos últimos sete días. O cambio de tendencia produciuse polo San Xoán. Hai casos noutra residencia de maiores. Salut recoñece que hai transmisión comunitaria pero din que, polo de agora, non amplían o confinamento. Fernando Simón valora que a decisión do peche foi valente.

A Generalitat revisará a situación en sete días e prepáranse para milleiros de casos semanais. Fixeron un chamamento a todos os sanitarios da comunidade para que acudan a Lleida reforzar o hospital da cidade, no que xa se instalou unha ampliación. Reforzaron tamén a presenza policial para vixiar o cumprimento das medidas.

Un factor fundamental para os rebrotes nesta área foi a alta mobilidade dos temporeiros da horta, entre os que hai positivos. Na veciña Aragón, que comparte esa actividade económica, mantéñense en fase dúas catro comarcas, pero aseguran que a situación está controlada.

Andalucía é a comunidade con máis focos, ten trece activos e 47 persoas ingresadas no hospital, once na UCI.

Madrid foi das últimas en rexistralos, detectou un, nunha empresa da capital, con cinco casos leves. O mesmo número de positivos do abrocho familiar baixo vixilancia en Albacete.

Neste momento a xestión sanitaria está nas comunidades autonómas. Isto podería cambiar se a situación varía.

A esta altura só as comunidades de Asturias e A Rioxa, ademais de Ceuta e Melilla, non rexistraron ningún brote.