CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 484 mortes e 38.273 casos de covid-19 dende o venres

Publicado o 16/11/2020 19:16

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 38.273 novos casos de covid-19 durante a fin de semana, 3.321 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra moi inferior con respecto aos 52.386 da fin de semana anterior. A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.496.864 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 470, fronte a 498 o venres e 529 o luns pasado, cun total de 221.147 positivos nas pasadas dúas semanas. No informe deste luns engadíronse 484 novos falecementos, en comparación cos 308 do venres e 512 do luns pasado. Na última semana faleceron 1.082 persoas e 41.253 desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio.

Actualmente, hai 20.452 pacientes ingresados en toda España (20.296 o venres) e 3.156 en UCI (3.125 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 1.520 ingresos (2.117 o venres) e 790 altas (2.241 o venres). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase xa no 16,54 por cento (16,15 % o venres) e nas UCI no 32,80 por cento (31,75 % o venres). 

Mantense a tendencia descendente

A maioría das comunidades autónomas rexistan unha diminución no número de contaxios diarios. A incidencia media acumulada sitúase nos 470 casos por 100.000 habitantes, 28 menos ca o pasado venres. Mantense, por tanto, a tendencia descendente.

"Non formulen, por favor, que esta tendencia é unha vitoria. É o inicio dun proceso que vai ser longo, que vai levar tempo e que non se vai solucionar nin en dous, nin en tres días. Isto ten que baixar moito, aínda", advirte Fernando Simón.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias considera que as medidas adoptadas nas pontes de Todos os Santos e da Almudena deron os seus froitos. "Aparentemente non xeraron un incremento de transmisión. Iso é bo. Imos ver se conseguimos o mesmo coa ponte da Constitución. E logo chegan as festas do Nadal, das que imos tentar gozar o mellor que poidamos. Pero de tal xeito que non impliquen, de novo, un incremento de casos unha semana ou quince días depois".

O Goberno catalán anuncia a reapertura dalgunhas actividades a partir do luns, pero pide prudencia. Navarra, que tamén reduce os contaxios, prorroga o peche perimetral e o toque de queda ata o 18 de decembro. Madrid, cunha estabilización á baixa, levantou as restricións en dez zonas básicas de saúde. Noutras 31 seguen vixentes.

Fernando Simón tamén fixo referencia ás organizacións médicas que piden o seu cesamento. Considera que están en todo o seu dereito, pero insiste en que só deixará o cargo se o deciden os seus superiores.

Noticias web

16/11/2020