CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 18.669 novos casos de covid−19 e 238 mortes máis

Publicado o 03/11/2020 18:40

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 18.669 novos casos de covid−19, 5.141 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra similar aos 18.418 do mesmo día da semana anterior.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.259.366 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 527, fronte a 521 de onte e 436 do martes pasado, cun total de 248.271 positivos nas pasadas dúas semanas.

Este é un dato de incidencia moi alto. Segundo Fernando Simón, esta cifra explícase porque a presión asistencial continúa medrando.

En todo o territorio, a ocupación en UCI supera o 29 % e moitos hospitais xa suspenderon parte da actividade programada.

Actualmente hai 19.943 pacientes ingresados por coronavirus en toda España (19.170 onte) e 2.754 en UCI (2.650 onte).

Ademais, nas últimas 24 horas, producíronse 2.137 ingresos (2.002 onte) e 1.606 altas (1.203 onte).

Por outra banda, na última semana faleceron 832 persoas con diagnóstico de covid−19 positivo confirmado en España, unha gran suba en comparación cos 777 de onte.

No informe deste martes engadíronse 238 novos falecementos.

Ata 36.495 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España.

O Goberno desbota, polo momento, o confinamento domiciliario

Fernando Simón asegurou hoxe que a situación comeza a ser crítica nalgunhas comunidades. Porén, considera que aínda non é o momento de tomar medidas máis drásticas, como o confinamento domiciliario.

Cataluña e Andalucía seguen a ser as comunidades que máis contaxios diarios notifican

Madrid, que durante semanas ocupou a primeira posición, mellora os seus datos. Unha das razóns, segundo Simón, son os novos tests de antíxenos, moito máis rápidos na diagnose.

Na Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha e Euskadi, onde as medidas se tomaron máis tarde, aínda non melloraron os datos e todas continúan por riba dos mil novos casos diarios.