CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra 25.456 novos contaxios, coa incidencia por enriba de 350

Publicado o 08/01/2021 18:07
O Ministerio rexistra 25.456 novos contaxios, coa incidencia por enriba de 350

As comunidades autónomas notificaron este venres ao Ministerio de Sanidade 25.456 casos de Covid-19, dos que 12.327 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 6.498 rexistrados o xoves, situándose a cifra global de persoas infectadas por coronavirus nas 2.050.360 desde o comezo da pandemia.

A incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días segue incrementándose, situándose nos 350,48 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 321,01 notificado o xoves polo Ministerio de Sanidade.

Respecto aos falecidos por Covid-19, o departamento que dirixe Salvador Illa notificou este venres 199 máis, dos cales 590 rexistráronse na última semana. Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve ás 51.874 persoas.

Na actualidade, hai 14.951 pacientes ingresados por Covid-19 en toda España e 2.318 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas producíronse 1.944 ingresos e 1.537 altas. Ademais, na última semana 2.665 persoas ingresaron nun hospital como consecuencia da infección provocada polo contaxio do coronavirus e 242 nunha UCI.

A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase este venres no 12,22 por cento e nas UCI no 24,05 por cento.

Cos últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade hai oito autonomías cunha incidencia acumulada de máis de 300 casos por cada 100.000 habitantes -a media nacional é de 321- e catro delas superan os 400 contaxios: Estremadura (716,58), Baleares (529,29), Madrid (452,19) e Cataluña (411,47). O resto de comunidades cunha incidencia maior de 300 casos por cada 100.000 habitantes son Castela-A Mancha (397,62), Comunidade Valenciana (343,74), A Rioxa (385,73) e Melilla (305,25)