CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade fixará a repartición dos militares rastrexadores que vaian pedindo as comunidades

Publicado o 27/08/2020 22:55

O Ministerio de Sanidade fixará a repartición dos 2.000 rastrexadores militares que xa empezan a pedir as comunidades autónomas: Murcia, a Comunitade Valenciana, Cantabria e a cidade autónoma de Melilla xa expresaron a súa intención de contar cuns efectivos que Defensa está preparada para mandar de inmediato.

O departamento que dirixe Margarita Robles presentou este xoves o plan de reforzo ao rastrexo da covid-19, ao que as autonomías se poderán subscribir previa solicitude ao Ministerio de Sanidade, que avaliará as necesidades e trasladará a petición concreta a Defensa.

A Generalitat Valenciana e Murcia anunciaron que solicitarán a colaboración de 150 e 60, respectivamente, dos 2.000 rastrexadores militares, mentres Cantabria non concretou cantos requirirá, e Cataluña mostrouse aberta a solicitalos máis adiante se os necesita. Tamén Galicia e a Comunidade de Madrid mostraron interese.

O presidente de Melilla, Eduardo de Castro, enviou unha carta ao Ministerio de Defensa para pedir unha axuda que "viría aliviar a carga de traballo" que sostén a súa Administración ante o aumento "exponencial" de contaxios.

O Ministerio fixará os rastrexadores necesarios, non as comunidades

Defensa aclarou que as autonomías deberán dirixirse a Sanidade, e non ao seu departamento, para realizar a solicitude formal mediante un escrito e un protocolo que se facilitará previsiblemente hoxe. 

Xunto ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Sanidade fixará cantos rastrexadores deben reforzar cada comunidade e por canto tempo, en función de se as peticións son para atallar un gromo concreto ou para facer unha detección máis xenérica.

Unha vez trasladada a información a Defensa, o departamento de Robles responderá "no tempo mínimo de resposta indispensable", que podería ser mesmo menor a un día. E despois, traballarase de forma coordinada coas comunidades autónomas. 

Noticias web

27/08/2020