CRTVG

Buscar

O Mecalia Guardés empata cun gol no último segundo diante de Bera Bera

Publicado o 25/01/2020 09:37

No duelo estelar da xornada na División de Honra de balonmán feminino o Mecalia Guardés acadou un empate no último segundo diante do líder, o Bera Bera (23-23). Tal e como se agardaba foi un partido de máxima intensidade, cun gran comezo do conxunto vasco que realizou uns primeiros quince minutos perfectos en defensa e en ataque. Cunha Elisabet Cesareo imparable con 5 goles o Bera Bera acadou a súa máxima vantaxe (5-10). A resposta do Mecalia foi inminente e cun parcial de 7-2 conseguiu empatar o partido no descanso (12-12).

A segunda metade volveu a comezar con dominio vasco (13-16) pero un parcial de 6-0 puxo as xogadoras de Nacho Prades cunha máxima vantaxe de tres goles (19-16) a quince minutos para o final. A partir de entón sucedéronse as alternativas con vantaxes para os dous equipos. Con minuto e medio por diante Arderius anotaba o 22-23, pero no último segundo Lorena Pérez acertaba coa porta do Bera Bera e dáballe un punto ao Guardés que se mantén a catro puntos do líder.

MECALIA GUARDÉS 23: Carratú, África Sempere 2, Sandra Marques 2, Mazza, Carmen Campos 7, Lorena Pérez 6, Sara Bravo 4, Paulina Pérez 2, Da Silva, Rosario Urban, Carla Gómez

BERA BERA 23: Arruda, Pizzo 1, Sara Gil 4, Alba Menéndez 1, Emma Boada 2, Elisabet Cesareo 8, María Prieto 3, Adriana Cardoso 1, Priscila dos Santos, Arderius 3, Etxeberría, Castellanos 

Marcador: 4-7, 7-10, 12-12 (descanso) 15-16, 20-19, 23-23

Noticias web

25/01/2020