CRTVG

Buscar

Comeza a fase de asistencia presencial para facer a declaración da renda

Publicado o 14/05/2019 16:38

A declaración da renda pode presentarse desde este martes nas oficinas da Axencia Tributaria ou nas entidades colaboradoras. Para recibir a atención presencial é imprescindible pedir cita previa. Neste momento, Facenda xa devolveu 150 millóns de euros a contribuíntes galegos, case un 18 % máis ca o ano pasado.

Día de moita actividade nas oficinas da Axencia Tributaria, onde comezaron a atender os contribuíntes que solicitaron asistencia presencial. A petición de cita previa pode facerse ata o 28 de xuño, tres días antes da finalización da campaña da renda, o un de xullo. Desde agora, nas oficinas revisan os detalles de cada declaración.

Imelda Capote, delegada especial da Axencia Tributaria en Galicia: "O que recomendamos desde a Axencia Tributaria é que se revise a mesma, as circunstancias persoais e familiares, as deducións familiares que sexan aplicables, autonómicas, os inmobles, arrendamentos, transmisións, cotas sindicais, subvencións... Todo para que estea completa".

A Axencia Tributaria de Galicia colabora na prestacións deste servizo. Este ano, ademais das deducións autonómicas que xa había, lembra as novidades.

Victoria González, directora da Axencia Tributaria de Galicia: "Unha redución do IRPF do 15%, ata 9.000 euros, por investimentos en rehabilitación en centros históricos, completadas con dúas no imposto sobre o patrimonio. E, respecto ao eido rural, por participar ou investir en actividade agraria".

Case 380.000 galegos presentaron xa a declaración, 31.000 máis ca o ano pasado. Moitos utilizaron a aplicación de móbil, polo momento, un 4% máis que en toda a campaña pasada. Tamén se concertaron preto de 20.000 citas para o plan Chamámolo, de atención telefónica, un 73 % máis ca o ano pasado por estas datas.

 

Noticias web

14/05/2019