CRTVG

Buscar

O maior operador turístico do mundo cancela as súas viaxes organizadas a España, agás con Canarias

Publicado o 15/08/2020 11:18
O maior operador turístico do mundo cancela as súas viaxes organizadas a España, agás con Canarias

O operador turístico alemán TUI cancelou desde este sábado todas as súas viaxes organizadas a España despois de que o Goberno alemán desaconsellara as viaxes non esenciais ao país polo repunte dos casos de coronavirus. "O Ministerio (alemán) de Exteriores desaconsella as viaxes non necesarias a esas rexións, polo que con gran pesar cancelamos todas as viaxes organizadas de forma inmediata e ata o 24 de agosto", asegura nun comunicado TUI, o maior operador turístico do mundo. 

A empresa salienta que "as viaxes ás Illas Canarias non están afectados" por esta decisión. Ademais, o operador turístico ofrece cambios de destino a quen aínda non comezaron as súas vacacións xa reservadas, así como adiantar o regreso aos viaxeiros alemáns que se atopan con algún dos seus paquetes vacacionais en España. O Goberno alemán incluíu este venres a España, salvo as illas Canarias, na lista de rexións de risco ás que se desaconsella viaxar, nas que se atopan preto de 140 países.

O movemento chega despois de que Alemaña reabrise as súas fronteiras para a maioría de países europeos a mediados de xuño, tras o peche que impuxo para controlar nun primeiro momento a pandemia. A decisión tomouse en base a unha serie de criterios, entre os que se inclúe o número relativo de casos. A partir de 50 novos infectados en sete días por cada 100.000 habitantes, o Instituto Robert Koch, centro epidemiolóxico de referencia en Alemaña, denomínaos zonas de risco.

Ata o de agora estaban dentro desta clasificación cinco comunidades autónomas españolas: Cataluña, Aragón e Navarra, que foron incluídas a finais de xullo, e Madrid e País Vasco, desde o pasado día 10 de agosto. Os novos casos diarios en Alemaña eleváronse de forma notable nas últimas xornadas, ata estabilizarse ao redor de mil.

O RKI estima que en torno aínda terzo dos novos infectados son casos importados, na súa maioría persoas que regresan das súas vacacións no estranxeiro. España é tradicionalmente o primeiro destino internacional dos alemáns. Para España, o turismo é o seu principal sector económico, tanto por porcentaxe do PIB como por emprego

 

Noticias web

15/08/2020