CRTVG

Buscar

O Lugo logra un empate con sabor a vitoria

Publicado o 25/08/2019 14:10

O Lugo logrou en Oviedo un empate con sabor a vitoria. Primeiro, polo escenario do Carlos Tartiere e ante 11.400 espectadores.

Despois, porque soubo sobrepoñerse ao temperán gol de Ortuño tras o saque dun córner cando só levaban cinco minutos de xogo.

E, por último, pola resposta que deu o equipo tras o gol asturiano.

Vinte e catro remates, nove deles entre os tres paus, que deixaron sensación de que puido lograr algo máis que esa igualada no último minuto.

Eloi Jiménez, adestrador do C.D. Lugo: "Eu creo que insistimos e xeramos as suficientes oportunidades para levar algo máis ca un punto". 

Cristian Herrera, C.D. Lugo: "Penso que nos imos cun sabor agridoce, por momentos tivemos o control do partido e puidemos adiantarnos no marcador e incluso levarnos os tres puntos, pero o empate hai que dalo por bo nun campo difícil, eles tamén tiveron as súas oportunidades e agora hai que seguir traballando".

O tiroteo lucense tropezou cun muro chamado Alfonso Herrero, maxistral en todas as súas intervencións.

O toledano detivo oito disparos durante os noventa minutos e só cedeu no remate final de Cristian Herrera, tras rexeitar previamente o disparo lonxano do debutante Alex López. 

Álex López, C.D. Lugo: "Tiña moitas gañas de xogar, facía tempo que non xogaba un partido oficial, saín con moitas gañas, por eso ás veces precipítaste e erras, pero ben, contento co punto neste campo tan difícil e xa pensando no Alcorcón a semana que vén".

A única nota negativa foi a expulsión de Canella por dobre cartón amarelo, quince minutos despois do oventese Juanjo Nieto, que lle vai impedir estar a vindeira xornada fronte ao Alcorcón.

 

Noticias web

25/08/2019