CRTVG

Buscar

O Luciérnaga cometeu un cento de roubos en máis de 30 concellos galegos

Publicado o 15/02/2021 13:41

O ladrón con máis roubos de España foi detido a partir dunha investigación que se iniciou en Monforte. Cren que cometeu máis de 90 asaltos en solitario. Os propios veciños das vilas onde actuaba puxéronlle o alcume do Luciérnaga, pola luz que levaba ao cometer os seus roubos. Durmía na maleta do coche para ocultarse. Con máis de 100 asaltos conseguiu arredor de medio millón de euros.

A investigación comezou para resolver un asalto a un concesionario de Chantada, detrás do que descubriron que se ocultaba un auténtico profesional da luva branca. De nacionalidade romanesa e amante do boxeo e as artes marciais estivo en máis de 30 concellos galegos, chegando a facer ata oito asaltos nunha soa noite. Servíalle case todo pero tiña preferencia por bares e talleres de coches.

Aparcaba o coche ás aforas das vilas. De día paseaba detectando os establecementos que serían os seus obxectivos para comprobar os seus sistemas de seguridade, cámaras e fechaduras. Ao redor das 3 da mañá entraba nos locais pola recadación do día e das máquinas expendedoras. Volvía para o coche e deitábase na maleta para durmir e ocultarse. Nuns seis meses, só durmiu dúas veces en pensións.

O ladrón actuaba sempre cun sombreiro de pescador e cun pasamontañas. Ás costas levaba un macuto con todo o necesario para os seus golpes. Desde pancas de ferro, chaves, desaparafusador, mandos a distancia e ata inhibidores para anular as alarmas dos comercios onde pretendía roubar.

Desde que a Garda Civil o detivo en Ponferrada, o Luciérnaga está no cárcere de Mansilla de las Mulas, á espera de render contas polos delitos de roubo con forza que se lle imputan desde 21 xulgados diferentes, a maioría en Galicia e en Castela e León. E aínda faltan varios delitos que a Policía Nacional ten pendentes para incluír no seu currículo.

Noticias web

15/02/2021