CRTVG

Buscar

O lote das vacinas asignado a Galicia chega sen imprevistos a pesar do temporal

Publicado o 11/01/2021 11:12

A nova remesa de 350.000 doses de vacinas de Pfizer/BioNTech chegou este luns a diferentes aeroportos de España, aínda que o temporal Filomena está a dificultar agora a súa distribución, da que se encarga a empresa, na Comunidade de Madrid, polas placas de xeo nas vías.

As 18.000 doses que ten asignadas semanalmente Galicia nesta primeira fase do progama de vacinación chegaron sen novidade. A Garda Civil distribuíu un vídeo onde se pode ver o vehículo no que trasladaban circulando pola AP-9.

Fontes do Ministerio de Sanidade informaron de que as vacinas ser recibiron sen atrancos nos aeroportos designados, salvo en Madrid, onde houbo que desviar o voo ao aeroporto de Foronda, en Vitoria, unha continxencia xa prevista desde onte, en caso de que Baraxas non abrise completamente as súas operacións.

Tal e como adiantou este domingo o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, o aeroporto de Vitoria estaba xa preparado e cos transportes necesarios por se recibía finalmente as doses de Baraxas, cousa que finalmente sucedeu.

Con todo, o delegado do Goberno en Madrid, José Manuel Franco, admitiu este luns algúns problemas de distribución destas doses para a Comunidade de Madrid.