CRTVG

Buscar

O lobo mata unha becerra en Ourol

Publicado o 03/09/2019 14:10

José ten 19 anos e é socio canda a súa nai desta explotación gandeira de Ourol, onde teñen unhas setenta vacas principalmente da raza limusina.

A pasada madrugada deixou as vacas nuna veiga a menos de cen metros da casa. De súpeto, escoitounas moar moi axitadas, e cando se ergueu da cama para ver que pasaba xa atopou a becerriña desfeita.

A becerra era a cría de Asturiana, que é como se chama esta vaca, que non a deu defendido do ataque do lobo. Agora haina que pinchar varios días para que non lle queden problemas nin no ubre nin nos tetos. A becerriña tiña un mes e dez días e era do tempo de estoutras que esta mañá estaban deitadas no prado.

Non é a primeira vez que o lobo ataca o gando de José. Hai dous anos colleronlle outra becerra, e os poltros xa non os dá sacado adiante.

José amósanos as pegadas que deixou o lobo no seu ataque. Mirándoas ben, di que polo tamaño coñécese que as que atacaron foron un lobo adulto e unha cría.

Agora José ten medo. E as vacas moito máis. Esta pasada noite temendo que volvese acurralábanse todas para protexerse e tívoas que pasar para unha cortuña mesmo a carón da casa.

Noticias web

03/09/2019