CRTVG

Buscar

O líder cae na súa visita a Pasarón (3-0)

Publicado o 25/02/2019 17:42

Pasamos por Pasarón. O Pontevedra dobregou o Fuenlabrada con solvencia. O cadro madrileño chegaba como líder ao feudo granate e desapareceu tras o descanso. Pedro Vázquez iniciou o camiño do triunfo.

Nos últimos minutos, co Fuenlabrada empurrando, o Pontevedra aproveitou os espazos e nas contras decidiu. Álex González asinou o dous-cero e no tempo engadido Kevin Presa anotou o terceiro.

O Pontevedra está a un punto da zona de promoción de ascenso.

Tamén foxe da presión o Coruxo que, tras derrotar o Burgos grazas a un dobrete de Manu Justo e un golazo de Silva, está oitavo, a catro puntos do play-off. Pero os do Vao non queren pensar en grande ata asegurar a permanencia. 

Jacobo Montes, adestrador do Coruxo F. C.: "Permanencia primeiro, e cando cheguemos aos 45 puntos falaremos doutras cousas. Non son hipócrita, témolo moi encamiñado. Quedan 12 partidos e temos 14 puntos de marxe, son moitos".

O Celta B fuxiu da zona vermella cunha vitoria nas Palmas. O filial amarelo foi quen de igualar o tanto inicial de Dani Vega, malia quedar con dez pola pisada de Ismael a Ibán Salvador, moi criticado polo técnico local. Pero, cando o empate xa parecía definitivo, Dani Vega asegurou os tres puntos. Na zona de descenso segue o Rápido de Bouzas, que por dúas veces foi perdendo coa Ponferradina, e por dúas veces empatou, para sumar un punto que o deixa a catro do play out.

Míchel Alonso, adestrador do Rápido de Bouzas: "Para nós non vou dicir un éxito pero, por como estivemos, é esperanzador".

Noticias web

25/02/2019