CRTVG

Buscar

O Deportivo Liceo non pode co Barcelona na final da Copa

Publicado o 24/02/2019 19:49

O Liceo terá que seguir agardando para volver gañar a Copa do Rei, competición en que non consegue o título desde o ano 2004. Esta tarde en Reus, o Barça cumpriu co seu papel de favorito. Iso si, o conxunto coruñés plantou cara malia as baixas e a grande categoría do rival. Ao descanso chegouse co empate a cero inicial. No segundo tempo o Barça foi impoñénse pola profundidade do seu banco e o esforzo físico dos de Juan Copa.

Pau Bargalló e Marc Gual situaban un cero a dous no marcador nos primeiros oito minutos do recomezo. Logo, ao Liceo non lle favoreceron os pequenos detalles. Carlo Di Benedetto estivo moi preto de recortar diferenzas. O pau evitouno, e xusto despóis, un penalti discutible permitiulle ao Barça sentenciar o choque.

João Rodrigues, tras o rexeitamento de Xavi Malián, logrou o cero a tres que convertía en misión imposible o encontro para os galegos. Pablo Álvarez aumentou a conta, e no último minuto, o veteranísimo Martín Payero lograba o gol da honra para un Liceo que, por segundo ano consecutivo, tivo que conformarse co subcampionato.

Josep María Bartomeu puido celebrar un novo éxito da súa sección máis gloriosa. O tremendo poderío do Barça foi demasiado para o admirable equipo liceísta.

Noticias web

24/02/2019